ConcellosEn portadaO BarcoÚltima horaVídeos

Inaugúrase no Barco a exposición en homenaxe a Luis Nogueira, “un deportista excepcional e unha persoa extraordinaria”

Pode visitarse na sala de exposicións Abanca ata o 12 de outubro, de luns a xoves de 19 a 21 horas e venres e sábados de 11:30 a 13:30 horas

 

Un ano e medio despois do seu falecemento a memoria de Luis Nogueira Fernández, o coñecido lanzador de xavelina de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras), está máis viva que nunca. E unha das responsables é a exposición ‘O seu destino era chegar a ser o que foi’  que ofrece un paseo pola vida, historia e paixóns deste deportista, afeccionado á lectura, á escritura, á fotografía,… amante da súa terra, da natureza, de conectar coa xente… Experiencias das que proceden as fotos e os escritos que se amosan e que pretenden reflectir o seu modo de ser e vivir, tal como explican os promotores da exposición.

 

Imaxe de Luis Nogueira lanzando a xavelina.

 

A mostra inaugurábase por primeira vez hai un mes en Vilamartín, o concello de Luis e na tarde deste luns 12 de setembro, no marco das Festas do Cristo 2022, facíao na sala de exposicións Abanca, no Barco de Valdeorras, o seu lugar de residencia durante 40 anos, onde traballaba e adestraba. Alí, Ramona Iglesias exercía unha vez máis de presentadora, explicando aos presentes que, ademais de ser un tremendo deportista que é a faceta pola que o recoñece a maioría da xente, Luis escribía, era un gran lector e un marabilloso fotógrafo “polo que queremos compartir con vos unha mostra do que el facía”, dixo, asegurando que Luis paraba pouco na casa pero non se afastaba moito dela, era moi comarcal e as súas viaxes eran de ida e volta no día para facer as súas fotos, relacionándose coa natureza e coas xentes do lugar. “Aquí tedes parte dos seus escritos, fotos, os seus libros de cabeceira, unha pequena parte dos obexectos que teñen que ver coa súa carreira deportiva,… Luis xa non está pero segue contando historias a través dos seus obxectos”, concluía Moncha, dando paso a un convidado de honra, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos.

 

Vendo a exposición.
Inauguración da exposición na sala Abanca.

 

Hornillos comezaba a súa intervención agradecendo a invitación ao acto, “tan entrañable e afectivo que dalgún xeito pon en valor a gran figura histórica, afectiva, deportiva e cultural de Luis Nogueira”.  A estas alturas poucas persoas quedarán que non coñezan a andadura deportiva de Luis, “un excelente atleta que aínda posúe o récord do mundo de lanzamento de xavelina na categorías máster”, pero o presidente da Federación quixo poñer o valor na súa figura persoal. “Era un home emblemático, que tiña unha personalidade que traspasaba o ámbito puramente da motricidade,  un líder ao que sempre escoitabamos porque sempre dicía cousas que nos facían pensar, e homes como el énchenme de orgullo porque por riba dos seus éxitos importantísimos está unha persoa cuns grandes valores polos que o admiro, como persoa que fai deporte e tamén como persoa que forma parte da cultura polo que me sinto moi orgulloso como presidente da FGA e falo en nome das moitas persoas que pensan coma min, porque Luis é unha persoa moi querida, respectada e admirada no atletismo galego. É desas persoas que por onde pasan deixan pegada, que fan máis grande a un deporte e a unha sociedade”.

 

O presidente da FGA Isidoro Hornillos con Ramona Iglesias na inaguración.

 

Do seu valor como persoa falaba tamén o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso, que pechaba o turno de intervencións institucionais lembrando o eterno sorriso de Luis, vilamartinés de nacemento e barquense de adopción, e os seus adestramentos, ata o final, en Calabagueiros. “Tiña unha forza de vontade que non ten prezo”, dixo Tino, agradecendo ás persoas que participaron na creación da exposición porque “é onde realmente vemos esa faceta de Luis que algún de nós coñeciamos menos ou incluso descoñeciamos e da que aquí podemos gozar en todo o seu esplendor”, engadía, para concluír de forma rotunda que “Luis foi un deportista excepcional e sobre todo unha persoa extraordinaria”.

 

 

 

Da dirección de arte da exposición encargouse unha vez máis a deseñadora gráfica Verónica Vieira, quen explicou ao númeroso público asistente (corporación municipal, compañeiros de traballo, de deporte, de afeccións, familiares e amigos en xeral) a distribución da mostra. Tal como ela mesma explicou, está pensada  para ser percorrida a primeira vez de esquerda a dereita, sendo o seu fío conductor as historias da natureza, do rural e das persoas e animais que as habitan. Empezando pola zona persoal da súa patria, cunha breve biografía acompañada polas súas fotografías da terra que o formou: San Vicente, cun escritorio con obxectos persoais, en representación das horas que pasaba lendo, escribindo e coas súas fotografías. Complementando esta biografía, na primeira columna hai unha serie de fotografías como resumo dalgúns dos momentos da súa vida, dando paso ás súas fotografías sobre a natureza, árbores, montañas, auga, paisaxes cheos de aire e paz.

 

 

De seguido está a zona máis íntima cos textos de Luis, algúns deles, acompañando e complementando a fotografías; e un ordenador onde se reproducen vídeos coas súas historias contadas de viva voz. Despois están as fotografías dos primeiros planos, para aprezar a importancia e beleza das pequenas cousas, entre elas a LOBA “á que Luis axudou e salvou dunha trampa”, contou verónica. Por último, está a zona deportiva chea dalgúns dos seus obxetos persoáis, entre eles a súa xavelina Sildoura 2, e a antorcha Olímpica do 92.

Quen aínda non a vise esta fermosa exposición en homenaxe e lembranza do benquerido Luis Nogueira ten ata o 12 de outubro para facelo, de luns a xoves de 19 a 21 horas e venres e sábados de 11:30 a 13:30 horas.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button