
Ao longo da súa vida Luis Manuel Gurriarán Rodríguez leva escritas moitas páxinas. De feito é unha afección que lle vén xa de novo e “en cando teño un rato pois póñome a escribir”, asegura, aínda que novelas unicamente ten dúas. Hai anos publicaba La Ruta de Las Estrellas, un libro histórico ambientado nos séculos anteriores á Idade Media e agora, en plena pandemia de Covid, presenta o seu segundo título ¿Lidia o Victoria? (Punto Rojo Libros, 2021) que narra a historia dunha muller vítima de malos tratos.
“Estamos nun momento no que afortunadamente a información chega puntual e cada vez con maior celeridade e estamos todos os días vendo mortes por este motivo, é tremendo, día tras día, e iso é o que me chama a atención e o que me empuxa a escribir sobre o particular. É algo que me chama a atención, que me repugna e pensei en facer algo sobre iso”, explica o propio Luis que para dar forma á protagonista, fixo o seguemento sobre o tema, “lin todo o que caía nas miñas mans sobre o particular, vin todo o que se publicaba tanto en televisión como en prensa e noutros medios”, ademais de falar con xente que pasara por este trance, e comezou a escribir.

Primeiro fíxoo en terceira persoa, “como un narrador que che conta un conto”, pero non lle convencía así que plantou durante uns meses porque pensou que a historia “tiña que ser contada pola propia protagonista, aínda que me resultou moi difícil poñerme na mente dunha muller”, recoñece. Finalmente conseguíao e, primeiro Lidia e despois Victoria (unha muller con dúas identidades) contan a súa propia historia. Unha historia intensa e dura, cun final impactante, que Gurriarán expón ao longo de 117 páxinas cunha linguaxe sinxela e directa. “A intención era que a lectura fose fluída porque é un tema polo que debemos ter máis interese e ao que non se lle dá a importancia que ten. Creo que é algo no que estamos fallando como sociedade”, asegura.
Malia estar preparada para saír en maio de 2020, a pandemia paralizou a publicación da novela que se retrasaba ata febreiro deste ano, así como as presentacións que Gurriarán tiña xa plantexadas, na Coruña (onde vive dende hai case 40 anos) e no Barco de Valdeorras, a súa vila natal pola que sente especial devoción. Por iso quixo renderlle unha pequena homenaxe a través da portada feita a partir dunha escultura de Xelo de Tremiñá. “É moi importante para min pola miña vinculación con Valdeorras porque vaia máis ou menos é a miña terra e Xelo forma parte dela”, di.
Entrevista con Luis M. Gurriarán na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.