En portadaÚltima horaVídeos

Lola Doporto: “A miña obra ten moito que dicir aínda que non fale”

A exposición desta artista barquense 'A beira do Sil' pode verse no segundo andar do Casino do Barco

 

Facilmente recoñecibles, os cadros de Lola Doporto non deixan indiferente a ninguén. Trazos, cores e texturas perfectamente combinados que lle confiren a cada obra un efecto único. Pola súa pintura, pero tamén por ser barquense e muller, esta artista natural de Millarouso é a gran protagonista do apartado artístico que inclúe o programa das Festas do Cristo, que neste 2022 comezan hoxe e estenderanse ata o vindeiro mércores 14 de setembro.

 

A artista barquense, Lola Doporto coa concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta..

 

 

E facíano precisamente coa inauguración dunha exposición no Casino do Barco, composta por 17 cadros de diferentes tamaños e catro maniquíes baixo o título ‘Á beira do Sil’, en homenaxe a un dos poemas do valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, autor das Letras Galegas 2022. Trátase dunha retrospectiva de Lola Doporto, unha coidada selección de obras que mostran a evolución da artista a través das súas figuras, das formas, das perspectivas cambiantes, dos ángulos e das cores, sempre vivas nas marionetas que ollan ao espectador coma se cobraran vida.

 

 

O acto, celebrado na tarde deste xoves 8 de setembro coa asistencia de numeroso público (veciños, amigos, representantes políticos entre eles a deputada provincial Luz Doporto,…), contou coa intervención da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, a responsable do triple papel de Lola nesta edición tan esperada das Festas do Cristo. “Grazas por aceptar o ‘embolado’ no que te metemos”, dixo Pizcueta, explicando a quen aínda non o soubera, que ela é a autora do cartel das festas, así como do cadro (un dos expostos na sala do Casino) que regalou ao Concello para desfrute de todos os barquenses; a protagonista da exposición que serve de “prefesta”; e tamén a pregoeira do Cristo 2022, “despois de 19 anos sen que unha muller o fora”, dixo Margarida, contando que a primeira vez que viu a obra de Lola Doporto foi en ‘Mirarte’, no escaparate de Miranda Moda e quedou prendada das marionetas e sobre todo das súas olladas.

 

 

Con todo, e malia levar tempo percorrendo importantes salas da xeografía galega, “é a primeira vez que a súa pintura se mostra en formato exposición na súa vila natal, na súa casa como ela di”, dixo a concelleira, recoñecendo que para ela “é todo un orgullo tela animado a que así fose”, recoñecendo antes de darlle a palabra a Lola que “pintores hai moitos pero artistas poucos”.

 

Actuación de Iván e Nerea.

 

A protagonista da tarde era breve na súa intevención, dando as grazas a todos os presentes por acompañala e recoñecendo que lograr expoñer en casa “é outro soño cumprido”, polo que tamén daba as grazas á directiva do Casino por poñelo de novo en marcha e enchelo de arte, e ao Concello “especialmente a Marga porque mo facilitaron todo”, dixo desexando que a xente “desfrute coa miña obra que ten moita e cor e moito que dicir aínda que non fale”.

 

 

O acto incluía unha pinchada e a actuación de Iván e Nerea á gaita e á pandeireta, un detalle que Lola perseguía dende hai meses, para recrear o cadro das ‘Festas do Cristo 2022″ e que logrou con creces.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button