SanidadeÚltima hora

Máis de trinta ourensáns agardan por un transplante

No Día Nacional da Doazón de Órganos a Unidade de Coordinación de Transplantes de Ourense destaca a importancia deste xesto que salva vidas

 

Unha doazón é un xesto solidario que permite salvar vidas. Así o lembraba a Oficina de Transplantes do Hospital Universitario de Ourense nesta xornada na que se conmemora o Día Nacional da Doazón. Son más de 30 os ourensáns que manteñen a esperanza e agardan por un transplante de órganos.

A doazón de órganos é a base do sistema nacional de transplantes que garante “a universalidade deste complexo procedemento e dá unha oportunidade a miles de doentes para os que o transplante supón a diferencia entre a vida e a morte ou unha nova oportunidade dunha vida plena, tras meses ou anos de incerteza e limitacións. Para elo o consentimento baseado na xenerosidade e solidariedade das familias dos doantes é imprescindible para poñer en marcha un complexo engranaxe para manter ese órgano viable e transplantalo no paciente que o precisa”, tal e como sinala a Consellería de Sanidade.

Nesta Oficina de Transplantes do hospital ourensán colaboran Jesús Priego Sanz, do servizo de Medicina Intensiva e coordinador en Ourense, ademais de Estefanía Prol e Paula Fernández, intensivistas, xunto con Estrella Pérez, enfermeira coordinadora. Contan ademais co apoio dun equipo multidisciplinar composto por profesionais dos servizos de Medicina Intensiva, Anestesia e Reanimación, Nefroloxía, Urxencias Neuroloxía, Neurocirurxía, Oftalmoloxía, Microbioloxía e Neurofisioloxía; ademais de persoal sanitario e non sanitario de quirófano, celadores, etc.. do Hospital Universitario de Ourense.

Un total de 313 persoas están a espera de recibir un transplante en Galicia: 313 de ril, 63 hepático, 18 pulmonar e 12 de corazón. Todos eles teñen garantido este procedemento xa que, en España, a doazón e o transplante están regulados por unha lei, que garante, tanto o altruísmo da doazón como a equidade no acceso ao transplante. Co mesmo dereito e as mesmas posibilidades de recibir un transplante, independentemente do lugar de residencia ou calquera outra conxuntura persoal.

O consentimento das familias

Para que se inicie o proceso dunha doazón o consentimento das familias ou achegados dos posibles doantes é imprescindible. “Afortunadamente, estas negativas reducíronse en Galicia ao 50% desde 2016, ata unha porcentaxe do 13%, menor que a media nacional do 14%, o que supón un fito na nosa comunidade, onde a porcentaxe de negativas era tradicionalmente mais alta, chegando ao 27% en 2014”, indica Sanidade.

“España é o país con maior taxa de doazón de todo o mundo. E da xenerosidade dos galegos e bo funcionamento das unidades existentes na comunidade dá fe a taxa de doazón, de 50.6 por millón de habitantes, por riba da media estatal do 49”, sinalan dende a consellería

Aínda así, Sanidade apunta que “segue sendo preciso intensificar os esforzos deste complexo engranaxe que comeza desde a detección dun posible doante e o consentimento familiar, cun traballo intenso correndo contra o reloxo para manter a viabilidade do órgano ata a chegada do equipo de extracción para posterior transplante. A dura realidade é que pese a estes esforzos, cada día hai máis persoas que necesitan ser trasplantadas para seguir vivindo, e ao redor do 10% dos posibles receptores falecen mentres esperan recibir un órgano”.

Artigos relacionados

Back to top button