CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Na xornada do sábado, 20 de xullo, o acceso ao recinto do SilFest Valdeorras será gratuíto pola mañá e pola tarde

Dende a organización cren que "esta acción fomentará a participación e a conexión coa comunidade valdeorresa, ademais de ser un agradecemento aos veciños"

Ambiente na anterior edición do SilFest Valdeorras./ Foto: A.R.

 

A organización do SilFest Valdeorras segue perfilando a programación desta edición do festival que es celebrarán do 18 ao 21 de xullo.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, a xornada do xoves 18 será fóra do recinto e de participación libre e gratuíta. As xornadas de venres 19 e sábado 20 celebraranse no recinto da praia fluvial do Malecón e será necesario a adquisición do abono de entrada (á venda na nosa web) ou ben das entradas soltas por día que estarán á venda proximamente. Pero como novidade este ano, na terceira xornada do festival, o sábado pola mañá e pola tarde o acceso ao recinto será gratuíto.

“Pecharase o recinto a todo o público a partir dunha hora da tarde aínda por determinar e durante esa hora, unha das bandas do cartel actuará nunha localización do centro urbano do Barco aínda por confirmar”, explican dende a organización, engadindo que a última hora da tarde volverá abrir o recinto para gozar dos concertos da noite e o cinema ao aire libre do MiniSilFest. “Neste momento xa será obrigatorio contar co abono ao festival ou ben a entrada para un día de sábado (á venda proximamente) para acceder ao recinto”.

Dende o SilFest Valdeorras aseguran que a parte gratuíta non comprometerá a calidade á que nos ten afeitos o evento. “Cremos que esta acción fomentará a participación e a conexión coa comunidade valdeorresa, ademais de ser un agradecemento aos veciños que durante uns días conviven co trastorno que xera a organización dun evento destas características”, aseguran.

Artigos relacionados

Back to top button