OurenseÚltima hora

O 28º OUFF estreará en España a versión do director de “Profundo Carmesí”, de Arturo Ripstein

Fotograma do filme./ Cedido.

 

Se hai só uns días coñecíase a noticia de que Arturo Ripstein (Ciudad de Mexico, 1944), considerado o mellor director de cinema mexicano contemporáneo, estaría no Festival de Cine Internacional de Ourense-OUFF 2023 para recibir a Calpurnia de Honra Internacional do festival, a súa presenza en Ourense redondéase coa estrea en España da versión do director da película Profundo Carmesí.

Trátase duns dos títulos máis relevantes de Ripstein, estreada no seu momento en 1996 con tres premios na Mostra de Venecia e que, con todo, non era a versión proposta polo director. Unha versión que Ripstein gardou, confiándoa a un amigo que residía en Estados Unidos, tal como contou recentemente, e que tras un longo proceso de recuperación, poderase ver no 28º OUFF.

Durante anos Ripstein e a súa compañeira, a gran guionista e escritora Paz Alicia Garciadiego -que tamén estará en Ourense co director mexicano-, buscaron a metraxe orixinal da película. Ripstein resgardara a súa versión confiando a custodia a un amigo en Estados Unidos; os rolos protagonizaron o seu propio periplo e, segundo conta o director, non estaban completos cando volveron ás súas mans. Naquel momento non sabía que atoparía unha maleta na súa propia casa co material da película necesario para poder remasterizar a súa propia versión de Profundo Carmesí. Non todo estaba feito, faltaba o son, que se perdeu, asi que o corte do director conta coa dobraxe do elenco orixinal do filme.

A versión do director que se poderá ver en Ourense ten vinte minutos inéditos e un traballo de procura, repaso e remasterización de material desenvolvido entre 2016 e 2022, da man da Cineteca Nacional de Mexico, o Instituto Mexicano de Cinematografía e os Estudos Churubusco, que traballaron cos negativos atopados polo propio Ripstein. Acaba de pasarse na sección Venecia Classics da Mostra de Venecia, onde competira en 1996 coa primeira versión obtendo os premios a mellor guión, mellor escenografía e mellor música.

Profundo Carmesí, protagonizada por Regina Orozco, Daniel Giménez Cacho, Marisa Paredes e Patricia Reyes Spíndola, baséase no caso real dos asasinos en serie estadounidenses Raymond Fernández e Martha Beck, na década do anos corenta, que terminaron na cadeira eléctrica. A nova versión do director achega tamén un novo enfoque da historia na que o romance extremo entre os dous personaxes principais adquire maior importancia para envolver ao espectador na soidade e a conduta asasina dos mesmos.

Artigos relacionados

Back to top button