CulturaCulturaÚltima hora

O antigo cárcere de Manzaneda acolle unha mostra sobre o seu Entroido tradicional

Trátase dunha exposición fotográfica de Carlos G. Hervella que achega as singulares desta antiga tradición de Manzaneda

 

O Entroido de Manzaneda, declarado Festa Galega de Interese Turístico, constitúe un rico entramado de rituais animados por un só espírito: a participación colectiva nunha celebración na que as rúas se converten nun escenario no que ninguén é espectador, que estreita as relacións entre os veciños do mesmo pobo e de aldeas veciñas, e abre un tempo novo que anuncia a primavera, as novas colleitas.

Ten unha sonoridade propia, a do toque do fulión, e tamén unha danza de seu: a das Mázcaras, o personaxe centrl desta tradición en terras de Manzaneda. Este espírito ancestral ten sido retratado ao longo de varias décadas polo fotógrafo Carlos G. Hervella, director do Periódico O SIL. Unha escolma dese traballo reuníase anos atrás na mostra “Entroido de Manzaneda”, pertencente ao Concello de Manzaneda, que agora volve a abrirse ao público.

 

 

A mostra inaugurábase na tarde do 18 de agosto no antigo Cárcere da vila, nun acto que contaba coa presenza do alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, e do autor das fotografías, Carlos G. Hervella. O conxunto da mostra inclúe 32 fotografías a cor e achega algúns dos elementos máis significativos desta festa: dende os permisos e as rondas do fulión, o baile das Mázcaras (así como a singularidade da súa vestimenta e comportamento), as fuliadas, etc.

As persoas interesadas en visitala poden achegarse ata a Casa do Concello de Manzaneda en horaro de 8:30h. a 14h. e abriráselles a porta do lugar da exposición para vela. Esta exposición forma parte do programa do “Verán Cultural” de Manzaneda.

Fotos: Carlos G. Hervella e cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button