ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco aproba unha moción contra “as prácticas bancarias que provocan malestar nos usuarios”

Na moción, presentada polo edil de Riada Cidadá, aprobouse unha emenda de adición do BNG

O alcalde do Barco, presidindo a sesión plenaria deste 6 de maio./ Foto: A.R.

 

A Corporación barquense vén de aprobar en pleno por 12 votos a favor (os do BNG, Riada Cidadá e PSdeG-PSOE e 5 abstencións do PP) unha moción para “instar ao Goberno central e á Xunta de Galicia a lexislar para acabar coas prácticas bancarias que provocan malestar nos usuarios”.

A iniciativa era presentada polo concelleiro de Riada Cidadá, Félix García, quen indicaba na exposición de motivos que “dende principios de ano vemos como as entidades volven a incrementar as comisións e restrinxen os horarios de caixa ás primeiras horas de apertura das oficinas, provocando inmensas colas de usuarios (…). O atropelo cébase cos maiores que teñen que recorrer a familiares ou coñecidos para xestionar as súas contas”.

Na súa moción Félix García plantexaba os seguintes acordos: “instar á Xunta de Galicia a través das competencias en materia de consumo para obrigar ás entidades de crédito a manter as oficinas no rural para loitar contra a despoboamento” e “instar ao Goberno de España a montar unha banca pública para poñer fin aos abusos bancarios: incremento de comisións, obriga de subscribir produtos non desexados, ou restricións dos horarios de atención en caixa”. Así mesmo outro dos acordos da moción é que o Concello do Barco apoia “as reivindicacións dos traballadores da banca que están a padecer EREs e liga o mantemento das contas propias ao servizo que prestan os veciños”.

 

De esquerda á dereita: os voceiros municipais do BNG, Riada Cidadá, PP e PSdeG, no pleno./ Foto: A.R.

 

A esta moción o concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, presentáballe unha emenda de adición que resultaba aprobada. Con esta emenda engádense dous puntos máis ao apartado de acordos. Un deles é “instar á Xunta a desenvolver as súas competencias exclusivas en materia de consumo impulsando, ao abeiro do Instituto Galego de Consumo e da Competencia campañas colectivas de reclamacións bancarias, información ás persoas consumidoras e estudos propios sobre a vulneración dos seus dereitos”. Ademais inclúese “instar á Xunta a impedir a discriminación tecnolóxica que se produce ao obrigar aos cidadáns a usaren medios dixitais tanto persoais como das empresas bancarias para operación básicas de banca”.

Dende o partido socialista tamén se apoiaba a moción e o seu voceiro municipal, Aurentino Alonso, apuntaba que se está indo cara un “estado de dixitalización tal que se está empuxando aos clientes fóra das oficinas e este problema agrávase nas zonas rurais, onde ademais as deficiencias nas conexións a internet tampouco axudan”.

Dende o PP, a súa voceira municipal, Sabina Aguado, indicaba que “consideramos importante o mantemento do emprego, pero non estamos de acordo coa creación dunha banca pública”, sendo o voto do seu grupo a abstención.

Artigos relacionados

Back to top button