ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

O Barco estudará como reducir a masa vexetal que cobre a fachada do casco vello sobre o Sil

Así o sinalaba o alcalde en resposta a unha pregunta formulada polo concelleiro do BNG

Vista do casco vello do Barco dende a zona de Viloira./ Foto: A.R.

 

Dende Viloira, as casas do casco antigo barquense ofrecen unha imaxe fermosa e sorprendente de convivencia coa auga e coa pedra. As construcións apóianse sobre un antigo muro, sen recubrimento, cuxa estrutura foi elaborada con “argamasa e cantos de río e/ou laxas de lousa, que se asenta sobre o substrato rochoso que delimita o río e que á vez serve de basamento para as edificacións que se asentan á beira do río ou ben de muro de contención das parcelas antes as posibles avenidas”, tal e como se sinala no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do casco antigo barquense.

Neste traballo tamén se considera esta zona como “unha fachada inédita, característica e peculiar do casco que debe ser potenciada”. Xunto ao muro, hai outros elementos que conectan o casco antigo barquense co río e que inciden nesa “fachada”.

É caso das dúas de escaleiras de baixada ao Sil que aínda existen. A primeira delas localízase na rúa San Roque e, máis abaixo, xusto no inicio da rúa Real, aparece outra, máis ancha e curta. Este conxunto pétreo ao longo do casco antigo conclúe no Porto da Barca, un lugar emblemático da vila, ao carón da praza Maior.

A esa fachada pétrea do casco vello barquense aludía o concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, na sesión plenaria celebrada na tarde do 2 de setembro. Plantexaba o interese por “recuperar esa fachada reducindo a masa vexetal que a oculta en gran medida” e, nese senso, pedía que, aproveitando a intervención que se ten previsto realizar do outro lado do río, en concreto na área recreativa do Salgueiral, tamén se actuase na outra beira.

O alcalde do Barco, Alfredo García, aseguraba que se trata dun tema “aberto, iso pódese valorar”, recoñecendo que “os veciños do casco vello queren ver o río”. Ademais lembraba que aí xa se procedeu a corta de varios chopos, “pero pódese valorar a posibilidade de facer algo na illa para reducir a fachada vexetal que oculta as fachadas. Na medida en que vaian vindo os técnicos, eses plantexamentos comentaranse na comisión municipal, pero, sen esquecer de que falamos de que esa zona é cauce”.

Artigos relacionados

Back to top button