PolíticaÚltima hora

O BNG Valdeorras denuncia a “invasión” eólica na comarca

Asegura que un total de 10 parques afectarán dalgún xeito aos montes de Valdeorras o que suporá un impacto "tremendo"

 

O Bloque Nacionalista Galego está seriamente preocupado polos proxectos eólicos que, de levarse a cabo, afectarán directamente á comarca de Valdeorras. “Dende o BNG sempre defendimos as enerxías renovables e fixemos unha aposta pola eólica no seu momento, pero dun xeito ordenado e que non sexa depredadora como a que plantexa o Partido Popular, onde vale calquera zona que non sexa especificamente Rede Natura e en Galicia hai moi pouco terreo protexido”, di a deputada parlamentaria María G. Albert, asegurando que un total de dez parques afectarán dalgún xeito á comarca. “Aos que xa se coñecían (Barxas, Prada, Rebordechao e Cernego, súmase un novo publicado no BOE a pasada semana dunha filial de Endesa entre Castela León e o Concello de Carballeda de Valdeorras. Ademais dos cinco tramitados pola Xunta do mesmo conglomerado de empresa que é Avintia”.

Así o explicaba a deputada na rolda de prensa dada na mañá deste luns 22 de febreiro para “denunciar a invasión que nos queren facer total e absoluta na comarca de Valdeorras. Xa estamos cubertos de saltos de auga por todos lados, o Sil xa non o poden encorar máis e agora toca a invasión dos eólicos. Ademais, coa excusa da enerxía verde que agora vende tanto, parece que nos poden invadir deste xeito, aproveitando ademais unha zona despoboada, que xa é produtora de enerxías renovables duplicando a recomendación da UE. É demoledor o que pretenden facer”, di González Albert asegurando que “o impacto é tremendo”, a todos os niveis pero sobre todo a nivel ambiental e tamén dos acuíferos, “provocando desertificacións porque os movementos de terra serán brutais e afectarán á fauna, á flora,…”. Ademais, “como lles permiten utilizar os espazos de maior produción non lles obrigan a xuntar os muíños polo que ocuparán territorios amplísimos o que implica curtar a montaña, abrir zanxas,… e a maiores as torres de alta tensión”.

 

María G. Albert amosando os puntos nos que se plantexa instalar parques eólicos.

 

Albert asegura que os datos totais previstos son 840 megavatios de enerxía para 177 muíños e 16 torres meteorolóxicas (como os muíños pero sen aspas). “Salvo o de Cernego que é máis pequeno e acorde cos que se estaban instalando ata o de agora en Galicia, o resto son megaparques xa non só polo total de potencia contratada senón polo tipo de muíño que se instalará, que entre mástil e rotor terá unha altura de entre 180 e 200 metros de altura”, di, engadindo que “os postos de traballo unha vez instalados e en marcha os parques, son cero. Outra cousa é o momento da construción pero tamén veñen empresas de fóra e poden subcontratar a algunha de aquí, pero moi minoritario. Postos de traballo no territorio non xeran ningún, porque a xente que vén traballar son técnicos da propia empresa, que se van movendo dun parque a outro”, sentencia.

 

Comparativa da altura dun muíño eólico con respecto á Catedral de Santiago.

 

Os nacionalistas tamén denuncian que os cinco parques de Avintia “son claramente unha fragmentación dun único proxecto (que comparten empresa matriz, subestación, accesos e liña de evacuacion), para non pasar polos trámites ambientais que marca o Ministerio e só polos da Xunta con prazos moito máis curtos”, pedindo que se “aposte por un cambio de modelo nesta promoción eólica, que haxa unha planificación que teña en conta o interese do país”. Como exemplo poñen o modelo que hai en en Asturias, “onde planificaron unha zona concreta para instalar eólicos deixando libre o resto. Aquí é a lei da selva e o plan da Xunta é extensísimo, á parte do do Ministerio que é completamente independente”. Segundo o BNG tampouco o retorno económico para a poboación será destacable. “En Galicia calculan que no PIB representa 580 millóns de euros e o retorno ao conxunto de todo o país (propietarios, concellos e demais) só son 11 millóns”.

 

O responsable do BNG en Valdeorras, Roberto Quiroga.

 

O responsable do Bloque en Valdeorras Roberto Quiroga, pola súa banda, asegura que xa rexistraron mocións en todos os concellos da comarca de Valdeorras para que dalgún xeito se manifesten sobre estes proxectos. “Botamos de menos que Valdeorras non teña unha voz e lembrámonos da famosa Mancomunidade de Concellos que se foi ao traste e que sería unha boa oportunidade de facer unha fronte común”. Ademais teñen intención de reunirse, co maior número posible tanto de asociacións como de comunidades de montes que teñen inquedanza sobre este tema e incluso facer “unhas xornadas online, primeiro para amosar a nosa opinión e posición sobre o tema eólico e incluso con xente entendida no tema para que se entenda ben o que é un parque eólico e o que implica”, conclúe Quiroga.

Fotos: Carlos G. Hervella

 

 

Artigos relacionados

Back to top button