Dende o Pazo do Castro (O Barco) emitíase en directo a sección de cociña do programa “España Directo” de RTVE a partir das 20:20h. desta tarde de 22 de novembro. Na antiga cociña deste Hotel Monumento os espectadores de TVE e do seu canal internacional descubrían o emblema gastronómico deste municipio: o Botelo.
Amosábase como está elaborado e como se prepara da man do cociñeiro Sergio Fernández, que acompañaba á cociñeira valdeorresa Otilia Docampo. Ademais do botelo tamén se falaba doutros produtos típicos da comarca como é o caso das castañas e do viño, así como dun doce moi especial: “a leite frita”.
“É un luxo poder estar no Barco de novo desfrutando da súa xente, da acollida que se nos dá sempre aquí e, por suposto, da súa gastronomía, que a iso viñemos. O botelo é unha delicia e ensináronnos como se coce, con que mimo se envolve e, logo o seu resultado. Ademais un botelo coa compañía que non lle pode faltar, o seu repolo e as súas patacas. Cinco graos na rúa e chovendo, pois que mellor que estar aquí, e con profesionais da restauración e da hostalaría”, dicía o cociñeiro Sergio Fernández.
Esta é a terceira vez que este profesional vén ao Barco para realizar a súa sección, tal e como recordaba a concelleira de Cultura barquense Margarida Pizcueta. “A primeira vez que veu fíxose na praia do Malecón, a segunda foi no miradoiro de Alixo, e a terceira, agora, no Pazo do Castro”.
Ademais a edil indicaba que, “chega o tempo do botelo e esta é unha maneira de difundir o produto e de difundir as marabillas que temos no Barco e en Valdeorras, como é o Pazo Castro. Que mellor maneira de proxectar, non só en España senón no mundo, porque tamén emite se na canle internacional, o noso totem gastronómico”.
Fotos: O SIL, agás a última da galería.