CulturaCulturaEducaciónÚltima horaVídeos

O CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira (O Barco) inaugura o programa “21 días co galego e +” cunha xornada de xogos populares

 

O aumento e perfeccionamento do emprego da lingua galega oral durante 21 días, con desexable continuación no futuro en ámbitos académicos e, sobre todo, extraacadémicos; a reflexión íntima e persoal da relación que cada alumno ten co galego desde a súa situación vital concreta e individual; o estudo sociolingüístico; o achegamento á cultura galega actual e ás persoas que o fan posible; e o compromiso das comunidades educativas dos centros participantes cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

Son os obxectivos dos “21 días co galego e +”, un programa promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística nos centros educativos para potenciar o emprego da lingua galega na infancia e na mocidade, no que este ano participa o CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira (O Barco de Valdeorras), o único de Valdeorras, un dos dous de Ourense e un dos dez de toda Galicia.

 

 

Ao longo dos 21 días que dura o programa, dirixido a toda a comunidade educativa, unicamente falarán en galego, realizando diferentes actividades, así como entradas a un blog en contacto co resto de centros. “É un programa marabilloso para que os nenos falen galego non só no colexio, tamén no seu entorno familiar, na rúa…”, conta ilusionada a directora do colexio, Remedios Arias, explicando que xa levan traballado dende hai uns meses.

A temática deste ano son os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030. Cada centro propón un e no caso do colexio de Viloira traballarán sobre o obxectivo 15, Vida de Ecosistemas Terrestres (protexer, restablecer e promover o uso sostible dos ecosistemas terrestres, xestionar sosteniblemente os bosques, loitar contra a desertificación, deter e investir a degradación das terras e deter a perda de biodiversidade) e máis concretamente na loita contra a deforestación, pensando no gran incendio que arrasou O Barco hai dous anos.

 

 

A inauguración do programa tiña lugar na mañá deste mércores 17 de xaneiro, cunha xornada de xogos populares galegos coa colaboración do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, para implicar e meter en materia tanto aos nenos como ás familias. A actividade comezaba con Lito explicando o funcionamento de diferentes xogos como A Ponte, A Ra, As Zocas, Os Peóns, O Moco, As Tabas, Tres en Raia, o Labirinto, Zancas Cooperativas,… e continuaba cos rapaces xogando por grupos.

Xunto aos alumnos, profesores e familiares, a apertura do programa contou coa presenza do alcalde do Barco Alfredo García, da concelleira de Educación Margarida Pizcueta e do presidente do IEV Aurelio Blanco.

O programa rematará o 6 de febreiro e o día 21 irán a Santiago co resto de centros cunha actividade propia. “Imos traballar moito co galego”, conclúe ilusionada a directora do centro.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button