SanidadeÚltima hora

O CHUO manexa 700 casos de Crohn e Colite Ulcerosa actualmente

O CHUO acolleu hoxe, 19 de maio, unha mesa informativa da Asociación de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense con motivo do seu Día Mundial

O 19 de maio é o Día Mundial do Crohn e da Colite Ulcerosa, dúas enfermidades que afectan ao intestino das persoas e que son crónicas. Por este motivo, os membros da Asociación de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense (ACCU) instalaron unha mesa informativa na entrada do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) “para dar visibilidade á nosa asociación e ao colectivo de enfermos”, dixo o presidente da mesma, Fernando Jiménez.

Segundo contaron dende a asociación e Santiago Soto, médico adxunto do Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo ourensán, na provincia manexan un total de 700 casos entre Crohn e Colite Ulcerosa. Santiago Soto explicou que a incidencia é igual en homes ca en mulleres e que soe aparecer “na segunda década da vida dunha persoa”. En canto aos síntomas, o doutor dixo que os máis salientables son “a dor abdominal e diarrea con sangue”, e dixo que o primeiro que hai que facer cando aparecen é “ir ao médico de cabeceira para que derive ao paciente ao especialista”. Actualmente no CHUO ofrécese, segundo dixo Santiago Soto, un tratamento multidisciplinar, é dicir, “traballamos en colaboración Dixestivo, Enfermería, Psicoloxía, Cirurxía e Nutrición”.

Tanto o Crohn como a Colite Ulcerosa non deixan de ser enfermidades crónicas “e iso limita á hora de facer certos traballos”, aseverou o presidente de ACCU, Fernando Jiménez. Actualmente, as minusvalías por padecer estas enfermidades “case non se recoñecen”, dixo, e ese é o traballo que desenvolven na asociación: “aínda falta moita concienciación, hai que coñecer este problema”, asegurou Jiménez.

Pero, que pasa cando alguén está diagnosticado con estas enfermidades? O doutor Santiago Soto dixo que o principal de todo é “coñecer a enfermidade, saber convivir con ela, afrontala e logo seguir os tratamentos e recomendacións”. Ademais, no CHUO agora mesmo ofrecen o servizo de atención ao paciente por teléfono “así evitamos que veña reiteradas veces ao centro médico”. Por outra banda, asegurou que, co tratamento, “o que evitamos principalmente é que os brotes da enfermidade non sexan tan fortes e tampouco habituais”, é dicir. Con todo isto, asegurou, o paciente debería poder levar unha vida normal, tendo en conta certos hábitos.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button