SanidadeÚltima hora

O Colexio Médico de Ourense valora a situación sanitaria na provincia antes do verán

 

Dende o Colexio Médico de Ourense vén de facerse público un manifesto analizando a situación asistencial que presenta a provincia ás portas do verán. “Hai unhas semanas a Xunta Directiva do noso Colexio fíxose eco da situación asistencial límite que se nos comunicaba desde o Servizo de Medicina Interna do CHUO. Poucos días despois, outros Servizos de Medicina Interna de Galicia, cada un cos seus matices particulares, fixeron tamén pública unha problemática parecida. A cuestión é que, neste momento, coa perspectiva dun verán no que as vacacións -máis necesarias que nunca para os profesionais sanitarios nesta pandemia e esta crise interminable- reducen os recursos humanos, debúxase un panorama moi complicado non só en Medicina Interna, senón en Atención Primaria, Urxencias, hospitais comarcais e gran parte dos servizos hospitalarios da área de Ourense, Verín e Barco. A información que recibimos dos compañeiros e dos Xefes de Servizo (supoñemos que ocorre o mesmo noutras áreas de Galicia), é cada vez máis preocupante. A realidade é que o noso sistema sanitario público é un e o que ocorre nalgún dos seus elos principais, repercute no resto”.

No seu texto esta entidade colexial indica que “o que escoitamos sobre o diagnóstico desta prolongada crise, non tranquiliza en absoluto pola súa simplicidade e falta de rigor: “faltan médicos”. Este é o mantra que parece converter en inevitable a deterioración progresiva da asistencia na AP, Urxencias e hospitais. É certo que faltan médicos, pero nun sistema en aloucada fuxida cara a adiante nos últimos anos, sempre faltarán, por moito que apuremos a fábrica que os produce. Desde logo que é básico que o manexo dos recursos humanos varíe substancialmente: que se termine coa temporalidade e crense e convóquense en OPEs, da forma máis rápida posible, as prazas que hoxe están a cubrir necesidades estruturais imprescindibles con contratos temporais de baixa calidade. Tamén que as vacantes dos hospitais comarcais e as de difícil cobertura en AP, teñan especiais e xenerosas condicións retributivas/ curriculares e un itinerario profesional claro que as fagan atractivas. Por suposto que non podemos perder ningún médico máis”.

Pero todo isto, “que é necesario, non é suficiente”, engade o Colexio de Médicos de Ourense, “o modelo asistencial que converteu nun éxito colectivo nosa sanidade pública, perdeuse e debe ser recuperado e adaptado aos novos tempos. Xa hai anos que ninguén fala nin se escoitan medidas por parte dos xestores para recuperar a continuidade asistencial, a chamada lonxitudinalidade. Que sexa sempre o mesmo médico o que atende ao seu paciente demostrou que é moito máis eficiente e os resultados en saúde moito mellores. En contraposición a se -por manter unha accesibilidade mal entendida con criterios máis políticos que sanitarios- cada día velle un médico diferente, dando a falsa impresión de cobertura cumprida. O “urxente” esmagando o necesario. Conseguir isto non é fácil, pero o problema é que, salvo honradas excepcións nadas da base, nin sequera se intenta. Non é de recibo informar dun monto de diñeiro para pagar algo mellor as prolongacións de xornada que cubran as ausencias en AP, sen unha idea de conxunto para recuperar a máxima continuidade asistencial posible e a calidade das consultas. Como ben se dixo, non se quere cobrar máis por traballar peor. O que se demanda é un incremento do investimento en AP para volver desenvolver unha medicina de familia, consistente, útil e resolutiva”.

Así mesmo, o colexio médico ourensán aputan que “este concepto de continuidade asistencial tamén, implica aos hospitais. O termo coordinación entre niveis asistenciais tampouco se oe xa. Unha asistencia sen referencias concretas e accesibles, fragmentada, con longas listas de espera e inconexa como o que hoxe se practica en demasiadas ocasións, tarde ou cedo -sobre todo nun escenario poboacional envellecido- colapsa as Urxencias e as Unidades de Hospitalización. É, a curto-medio-longo prazo, máis cara, máis insostible e de moita menor calidade e humanidade. Outro concepto que hai anos xa non se escoita e urxe recuperar (en AP pero tamén nos hospitais) é o de Equipo Asistencial (médicas/os, enfermería, administrativa/o…) que traballa cun modelo consensuado entre eles, baixo a dirección dun único Xefe”.

“Chegados a este punto, e recoñecendo o esforzo no último ano desde o SERGAS, buscando solucións desde arriba -con escasos resultados ao noso xuízo-, toca afirmar que as posibilidades de recuperación, polo menos parcial, do sistema asistencial público (tanto en AP como en hospitais) só poden vir da base, con solucións locais para problemas locais, da man dos profesionais sanitarios que mellor coñecen o terreo e as fortalezas e as debilidades coas que contan. Incluíndo fórmulas novas de xestión clínica que lamentablemente non se exploraron con suficiente tesón e valentía no momento debido da historia recente da nosa sanidade”, asegura esta entidade colexial.

O Colexio Médico de Ourense conclúe que “non é momento, en todo caso, de buscar culpables e de subliñar perniciosas dilacións das autoridades sanitarias -que as houbo- para afrontar as disfuncións que o sistema foi acumulando nos últimos anos. Toca resistir o verán cos menores problemas posibles e urxe convocar a todos os axentes (profesionais, sindicais, políticos, cidadáns…) para o deseño dunha rápida folla de roteiro coa profundidade, os conceptos claros e o financiamento necesario, para a moi difícil -pero non imposible- recuperación, a medio prazo, do sistema sanitario público de Galicia. Fará falta xenerosidade, decisións valentes e unha mirada de longo percorrido. Soa complicado, pero poida que esteamos ante o último tren”.

Artigos relacionados

Back to top button