En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

O Concerto de Outono do Orfeón Trivés enche a igrexa parroquial da Pobra de Trives

Xunto ao anfitrión actuaron a Coral Polifónica de Berres (A Estrada) e a Capilla de la Divina Comedia (Bembibre)

 

Despois de dous anos con pouca actividade, en gran parte por culpa da pandemia, o Orfeón Trivés está poñéndose a punto para recuperar o seu calendario e unha das primeiras citas era o Concerto de Outono que celebraban na tarde deste xoves 8 de decembro, en plena ponte da Constitución.

Unha actuación que enchía a igrexa parroquial da Pobra de Trives e contaba coas actuacións da Coral Polifónica de Berres da Estrada e da Capilla de la Divina Comedia de Bembibre, ademais do propio Orfeón Trivés. E era o presidente do coro anfitrión, Aurelio Álvarez, quen daba a benvida aos asistentes agradecendo a colaboración a todos os que fixeron posible este concerto, entre eles os propios coralistas e o Concello, representado entre o público pola alcaldesa Patricia Domínguez e o concelleiro Miguel Sierra.

 

O presidente e a directora do Orfeón Trivés, Aurelio Álvarez e Sandra González.

 

Na súa intervención, Aurelio fixo unha unha mención especial a varias das súas coralistas. “A Dina, que a túa tenacidade e forza nos sirva a todos de exemplo para loitar e para vencer”, dixo; tamén a Élida “cuxa preocupación era non poder estar hoxe aquí con nós pero aquí está como unha campioa”; ás ausencias xustificadas por enfermidade, como é o caso de Elvira; e como non “aos novos coralistas que se estrean hoxe”, dixo o presidente lembrando que “se queremos que o Orfeón siga, polo menos 31 anos máis, xa sabedes o que hai que facer: manter e renovar plantilla porque a algúns saíronlle os dentes no Orfeón pero a outros xa se nos van caendo”.

Con esta reflexión daba paso á  primeira actuación da tarde, a cargo da Coral Polifónica de Berres (A Estrada) nada no ano 1999 co obxectivo de “fomentar o canto coral e outras iniciativas culturais, tendo como referente principal a música e a xa tradición musical que existía nesta parroquia estradense”. Baixo a dirección de Ana Pazos interpretou cinco pezas: Linda Flor (Rey Rivero); Reyna del Placer (Alain Langrée); Blanco Velero (Juan Hernando Sanz; Fuentecilla que Corre (Eduardo Cifre) e Noche de Paz (Franz Gruber).

 

Presentando ás corais.

 

Os seguintes en actuar eran os membros de la Capilla de la Divina Comedia, coro nado en 2010 e integrado por unhas 25 voces mixtas de Valdeorras e de Bembibre (León). Dirixida por José Ramón Mansilla (director tamén do Orfeón Valdeorrés) interpretaron outros catro temas: Ave María (J. R. Mansilla); Caminito (Pop. Arr. D. Andreo); Un Beso y una Flor (Pop. Nino Bravo Arr. J. M. Piedra); Veñen os Ventos Cantando (J. Busto); e Catro Vellos Mariñeiros (Pop. Arr. J. Fajar), este último especialmente adicado ao Orfeón Trivés.

 

 

E xa por último tomaba o relevo o coro organizador, dirixido por Sandra González, que interpretou catro temas: O Sacrum Convivium (Luigi Molfino), Agüita del río (canción sudamericana), Meu Amor é Mariñeiro (Manuel Alegre-Xosé L. Rivas Arr. Bieito Blanco) e Viento del Norte (Nando Agüeros Arr. Manuel Molinos).

 

 

Á parte de amenizar musicalmente a tarde do festivo, este concerto serviu tamén de excusa para darlle un novo impulso ao Orfeón, que vén de cumprir 31 anos, e conseguir novas voces, tal como adiantaba o presidente. Así, coa idea de animar á xente a unirse ao coro, teñen pensado organizar un concerto cada tres meses “coincidindo con cada estación, empezando co outono”, di Aurelio, recoñecendo que a xente necesita actividades máis alá dos ensaios. Por iso, ademais do Concerto de Outono, o Orfeón fará dúas saídas máis en vindeiras datas, convidado por outras agrupacións. O 18 de decembro participarán no 25 aniversario do Coro San Mamed de Zamans en Vigo; e xa de cara ao vindeiro ano, o 7 de xaneiro irán ás Neves (Pontevedra).

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button