CulturaEducaciónÚltima hora

O desenvolvemento de talentos persoais e o acompañamento son as claves da educación do futuro

Cinco expertos educadores puxeron en común as súas experiencias na II edición do foro de Encontros en Vilavella, titulada “Modelos educativos innovadores”

Implicación da comunidade educativa, inclusión as preferencias dos nenos, creación de redes pedagóxicas… son algúns dos conceptos que empregaron os cinto relatores da II edición do foro de Encontros en Vilavella, organizado pola Fundación Nortempo en colaboración, nesta ocasión, coa Facultade de Ciencias da Educación de Ourense e a Asociación Cultural Padre Silva. O título deste ano é “Modelos educativos innovadores’.

Estes relatores compartiron hoxe, 21 de abril no Liceo de Ourense, esas experiencias educativas “punteiras e innovadoras en España”, dixo o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, Jaime Rodríguez, na súa presentación. Unha tese que avalaron o presidente da Fundación Nortempo e da Asociación Cultural Padre Silva, Bartolomé Pidal; e o vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense, Xosé Manuel Cid.

O primeiro en presentar a súa experiencia foi o director do colexio ourensán Ben-Cho-Shey, Anton Gómez, que resaltou que unha das características do seu colexio é “que hai nenos do rural illado e rapaces que viven en urbanizacións”. Neste centro levan a cabo o Proxecto Piteas, en colaboración coa Fundación Barrié e a Universidade de Santiago de Compostela, e co que pretenden desenvolver o talento nas aulas “a través da atención a esa diversidade”. Asemade, este centro incorporará un proxecto educativo con docencia relacionada “coa robótica e a programación”.

Outro dos relatores foi Javier Pujol, director xeral do colexio Claver Raimat de Lleida. Este director asegurou que a clave do seu método novidoso é que o alumno “aprenda facendo”. Asemade asegurou que para elaborar este proxecto “preguntamos a padre e alumnos o modelo de colexio que querían, e os cativos de tres anos son os que mellores ideas nos deron, porque non están contaminados co modelo actual”, dixo. Entre esas ideas, contou como anécdota, foi un tobogán dentro da aula.. “e por que non o iamos incorporar?”, preguntou á sala. E efectivamente o incorporaron.

Educar a través do desenvolvemento de talentos e competencias son tamén as claves do “Sistema Amara Berri”, presentado polo seu propio coordinador, Emilio Martín. “O noso proxecto para mellorar a calidade do ensino pasa por unha rede de traballo para que na que conflúen un plantexamento pedagóxico e a concepción da escola e uns principios de participación, implicación e corresponsabilidade”, dixo. Tras el, presentou o seu proxecto o sacerdote salesiano e presidente da Fundación Jóvenes y Desarrollo de España, Juan Linares. O seu proxecto chámase “Muchachos y muchachas con Don Bosco”, un sistema que se aplica a unha poboación de mozos e mozas en situación de pobreza e risco. “O noso modelo aplícase de forma integral, dando grande importancia ao campo formal e non centrándonos só no educativo”.

Toda esta carteira de relatores completouse co especialista portugués en educación intercultural para a educación do século XXI, Américo Peres, que está considerado como un dos referentes da renovación educativa no seu país.

Pola tarde, os cinco relatores seguirán as súas actividades no Hotel Spa Villaeva (A Mezquita), para debatir, nun foro, estes diversos modelos educativos e poder chegar a puntos en común para o desenvolvemento da educación do futuro.

Artigos relacionados

Back to top button