ConcellosÚltima hora

O goberno barquense aproba en pleno un recoñecemento extraxudicial de crédito de 1,6 millóns de euros

O punto, introducido por vía de urxencia na sesión ordinaria de abril, saía adiante só cos votos socialistas xa que a oposición abstíñase

 

Por vía de urxencia introducíase na orde do día do pleno ordinario de abril do Barco, celebrado o 5 de marzo, un recoñecemento extraxudicial de crédito de máis de 1,6 millóns de euros. O alcalde do Barco, Alfredo García, explicaba en qué consistían os catro expedientes aprobados para o mesmo. Así un deles era un suplemento de crédito de 1.019.504,74 euros para facturas do 2019 e outras dese ano pero que entraron no 2020, así como para axudas sociais para persoal laboral, para a reforma da escola infantil, subvencións do 2019 de entidades culturais, deportivas e ANPAs, etc.

Un segundo expediente incluía 365.000 euros para crédito extraordinario destinado a unha actuación en Veigadecabo, o pavillón do CEIP Julio Gurriarán, subvencións para rehabilitación de fachadas, o arranxo das praza das Airas, a reparación do tellado do cemiterio, intervencións na piscina climatizada, etc. E no terceiro o suplemento de crédito ascendía a 248.000 euros para facturas de xaneiro de 2020, mentres que o cuarto ía destinado a pagar facturas de Agadic.

A oposición recoñecía que as facturas había que pagalas, pero criticaba a urxencia coa que se traían a pleno estes expedientes e o feito de que tiveran escasas horas para consultalos. “Non é un prodecemento lóxico que se nos mande os informes hoxe á mañá para debatir á tarde, hai que ter un pouco máis de respecto pola oposición, nós non temos libre dedicación. O vindeiro martes temos outro pleno e podía terse deixado para entón, son cinco días. Fágolle un rogo: que sexan máis respectuosos coa oposición e que nos pasen os expedientes cun mínimo de 2 días porque senón non podemos consultalos”, dicía o concelleiro de Riada Cidadá, Félix García.

De maneira semellante se manifestaba a voceira municipal do PP, Sabina Aguado. “De novo traen suplementos de créditos de urxencia e créditos extraordinarios. Co tempo que nos deron o que podemos coñecer dos expedientes é practicamente nada, deberíamos ter tempo para poder examinalos por nós mesmos. Ademais neles aparecen reparos suspensivos que poderían paralizar o trámite e aos que vostedes non lles dan importancia”.

O alcalde do Barco, Alfredo García, xustificaba a urxencia e explicaba que para informar disto xa se convocou anteriormente “unha Comisión de Facenda, sen estar os expedientes feitos, pero para explicar isto, punto por punto. Neste caso non imos aprobar as facturas, o urxente é ter crédito e iso leva un tempo, o que decidimos hoxe é xerar crédito para que no pleno de abril poidamos aprobar as facturas e pagalas xa o 6 de abril. Nós recibimos os expedientes ao mesmo tempo que a oposición, isto non é unha falta de respecto senón unha maneira de avanzar e de sacar adiante un asunto importante”.

Finalmente os catro expedientes resultaban aprobados cos 10 votos a favor dos concelleiros socialistas e coas abstencións do PP, BNG e Riada Cidadá.

Nesta sesión plenaria tamén se aprobaba o proxecto de obra de abastecemento e pavimentación de Santigoso fase 1ª, cun orzamento de execución duns 100.000 euros. Ademais dábase lectura, por parte da concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, a unha declaración institucional (co apoio de todos os grupos políticos) sobre o Día Internacional da Muller, na que se incidía en que “o Concello do Barco aposta polo cambio social que impulsa o feminismo. Non poderá haber unha transformación real se non se conta de xeito esencial coas mulleres, coa súa participación e contribución. Por iso e coa igualdade como alicerce, estamos xunto ao movemento feminista en todas as conquistas para as mulleres en Galicia e en España”.

Moción do PP sobre o IBI

No pleno tamén se sometían á votación dúas mocións presentadas pola oposición. Así o PP presentaba, a través da súa voceira municipal, Sabina Aguado, unha iniciativa na que se aseguraba que o “Partido Popular de O Barco analizou os datos dende o 1999 ata a data e observou un incremento máis que significativo no Imposto sobre Bens Inmobles IBI). Ademais a este incremento levado a cabo polo goberno municipal, debemos engadirlle que O Barco encóntrase entre os municipios que van sufrir o denominado “catastrazo” aprobado polo goberno central no último Consello de Ministros do 2019”. Nese senso a moción pedía “unha baixada substancial deste imposto e o compromiso e que se cree unha comisión que estude a maneira máis rápida e eficaz para poder levalo a cabo”.

 

A voceira municipal do PP, Sabina Aguado.

 

Dende o BNG, Suso Vilasánchez amosaba as súas dúbidas sobre apoiar a moción e agardaba a oír as intervención do resto dos grupos para pronunciarse. Dende Riada Cidadá, Félix García Yáñez, aseguraba que “a idea de rebaixar o IBI cando o anterior goberno fixo unha política de aumento de impostos paréceme fóra de tempo” e manifestábase favorable a “crear unha comisión para estudar como repercute ese imposto nos veciños, pero non condicionada á súa posible rebaixa”.

Dentro o grupo de goberno, o voceiro socialista Aurentino Alonso cualificaba a moción popular de “demagóxica” e de facerse “cara á galería. Vén sen facer un estudo dos datos en profundidade. A presión fiscal por concepto de IBI non subiu tan dramaticamente, nos últimos 20 anos a ponencia de valores, é dicir, o prezo básico de cada unidade habitable, tivo unha suba dun 20%, mentres que a do IPC foi dun 53%”.

Referíase tamén ás subas impostas dende o ministerio de Montoro anos atrás e ademais presentaba unha comparativa de como estaba este imposto no Barco fronte a outros concellos galegos de similares características e mesmo de Castela e León. “Estamos nunha situación bastante por debaixo da media en canto a presión, eses datos non se dan na moción porque non interesan”. Esta moción resultaba rexeitada cos cinco votos a favor (do PP) e cos 12 en contra (PSdeG-PSOE, BNG e Riada Cidadá).

 

O concelleiro do BNG sostendo o rueiro actual do Barco.

 

Moción do BNG

Polo contrario, si saía adiante a moción presentada polo concelleiro nacionalista Suso Vilasánchez para “avanzar na consecución da visibilización da igualdade social entre homes e mulleres no Concello do Barco”. A iniciativa pedía que “as próximas prazas ou rúas que se constrúan, así como calquera modificación de nomes das rúas do concello do Barco a figuras femininas até lograr unha paridade coas masculinas”.

O texto conseguía o apoio de Riada Cidadá e do grupo socialista, que lembraban que xa no 2016 se abordara na Comisión de Cultura este tema. Aínda así o rexedor barquense comentaba que “a realidade é que no Barco temos moitos máis nomes de rúas que fan referencia a lugares, un total de 261, e case todos practicamente foron postos por asociacións de veciños. Pero había xa un acordo para que as novas rúas ou prazas sexan preferentemente de nomes de mulleres”. O PP abstíñase na votación.

Fotos: A.R.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button