SanidadeÚltima hora

O novo grupo de apoio administrativo rural leva atendidas 18.669 nos 5 primeiros meses de funcionamento

Dá servizo a 25 pequenos centros de saúde rurais e máis de 14.000 usuarios dándolle acceso á cita previa e outros trámites para os que ata agora debían recurrir ás cabeceiras de comarca

 

O novo Grupo de Apoio Administrativo Rural da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras atendeu 18.669 consultas nos cinco primeiros meses de funcionamento en Ourense, dando acceso a servizos como cita previa e diversos trámites administrativos, para os que ata agora os usuarios e usuarias de vintecinco pequenos centros de saúde rurais debían desprazarse ás cabeceiras de comarca.
A iniciativa enmárcase na estratexia do Servizo Galego de Saúde en Atención Primaria, introducindo novos medios tecnolóxicos, recursos humanos e materiais que fomenten a atención de calidade, liberando ao persoal sanitario de todo aquelo que non sexa estritamente asistencial ou promovendo a organización do traballo e a satisfacción de profesionais e pacientes.

Posto en marcha en setembro nos centros de saúde de A Teixeira, A Arnoia, Baltar, Beade, Os Blancos, Calvos de Randín Cenlle-Barbantes, Chandrexa de Queixa, Lobeira, Montederramos, Parada do Sil, Pontedeva, Porqueira, Punxín, Quintela de Leirado, San Amaro, Verea, Xunqueira de Espadanedo, Gomesende e Vilar de Santos. O pasado mes de decembro incorporáronse Castrelo do Val, Manzaneda, San Xoan de Río e Vilariño de Conso.

Isto permite dar cobertura a 14.031 usuarios dos vintecinco centros de saúde con que ata agora non dispuñan directamente deste servizo administrativo nos seus centros. Unha media de menos de 600 tarxetas sanitarias adscritas, entre as 252 de A Teixeira e as 827 de San Amaro.

Atendido telefónicamente por tres profesionais de servizos xerais (PSX), a dispoñibilidade dunha central telefónica “intelixente”, ou CRM100, posibilita atender o cen por cen das chamadas recibidas, xa que permite “devolver a chamada” aos usuarios que intentan establecer contacto, mentres están ocupadas as liñas, servizo moi valorado que xa non precisan continuar chamando ata establecer contacto.

O funcionamento é moi sinxelo, cando as liñas están ocupadas tras catro tons salta unha mensaxe que informa que a chamada será contestada “inmediatamente”. Se en 15 segundos non se logra liña, comeza a recollida de datos do paciente solicitándose data de nacemento, nome, teléfono de contacto e motivo da chamada. Incluso se o paciente non facilita estes, o que sucede nun 30% dos casos, o seu teléfono queda rexistrado polo que en pouco tempo persoal pode chamalo.

Esta innovadora solución desenvolveuse para dar resposta ao intensisimo fluxo de chamadas recibido nos centros de saúde durante a pandemia, e neste intre contan xa con el todos os Servizos de Atención Primaria da provincia.

Liberar aos profesionais sanitarios

Igualmente o novo servizo libera, segundo o Sergas, ao persoal médico e de enfermería destes centros de interrupcións en consulta facilitando así o seu traballo diario, ademais de darlles un soporte administrativo de que ata agora carecían para facilitarlles o contacto con outros profesionais do hospital ou servizo de atención primaria, orientación sobre diferentes trámites administrativos, etc.

O novo grupo, dirixido por Diego Rivera está ser moi ben valorado polos seus usuarios, polo que unha vez que entran en contacto por vez primeira o seu uso vai en aumento. De feito este pasado mes de xaneiro o número de chamadas superou por vez primeira as 4.000 e agardase que aumente. Igualmente a dotación de persoal permite unha atención cada vez mais axil, cun tempo medio de resposta que oscila entre os 4 e os 30 minutos.

Artigos relacionados

Back to top button