En portadaOurenseÚltima hora

O Plan “Ourense Termal” mobilizará 3 millóns de euros nos 15 concellos termais da provincia

Este Plan de Sostibilidade Turística presentábase esta mañá no Balneario de Laias

 

A presentación do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “Ourense Termal” reunía esta mañá no Balneario de Laias aos responsables das administracións implicadas no seu desenvolvemento. No acto participaban o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; así como alcaldes e concelleiros dos 15 municipios participantes no proxecto.

“Ourense Termal” mobilizará 3,09 millóns euros nos próximos tres anos a través da cofinanciación do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Xunta de Galicia e Deputación de Ourense. José Miñones, delegado do Goberno en Galicia, destacaba na presentación que este “ambicioso proxecto” exemplifica a colaboración entre administracións polo interese público e del sinalou que contribuirá á modernización destes destinos, facéndoos máis sostibles, impulsando as empresas locais e o emprego “co que tamén contribuiremos a frear o despoboamento nesta provincia”.

Así mesmo, explicou que “este Plan representa unha oportunidade para desestacionalizar o turismo, captando máis segmentos de público e artellando unha oferta turística combinada con outros servizos relacionados co patrimonio natural, co enoturismo ou co deporte”. E resaltou a chegada da alta velocidade a Ourense e a celebración do Xacobeo como factores engadidos que beneficiarán a súa execución.

José Miñones remarcou o impulso do Goberno polo desenvolvemento do turismo sostible en Ourense, con investimentos de 16,2 millóns de euros. Ao plan Ourense Termal, súmase o Plan de Sostibilidade Turística para consolidar o destino da Ribeira Sacra. Neste plan benefícianse 12 concellos da provincia.

 

O delegado do Goberno en Galicia co presidente da Deputación de Ourense.

 

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Manuel Baltar sinalaba que Ourense “é o territorio con maior potencial termal de Europa” e lembrou que desde o goberno provincial “sempre tivemos claro que debiamos traballar neste factor que nos diferencia doutros destinos e, por iso, a principios do 2014, presentamos o proxecto “Ourense, a provincia termal” que, por primeira vez, achegaba esa visión estratéxica de provincia”. “O termalismo é unha cuestión identitaria e un recurso económico que necesita da cooperación nacional, autonómica, provincial e local, un modelo de traballo que nos deu grandes froitos nos últimos tempos”, afirmou o presidente da Deputación de Ourense.

Os 15 municipios que forman parte deste proxecto son Arnoia, Bande, Baños de Molgas, Boborás, O Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Punxín, Ribadavia e Verín.

O Plan Ourense Termal

O Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal” busca harmonizar os dous modelos: o dos balnearios- xa sexan os de carácter histórico ou as máis modernas infraestruturas-, co modelo singular de termalismo ao aire libre, que se converteu nunha icona do noso turismo, e que ofrece esa experiencia ligada á autenticidade que busca o visitante. Entre os obxectivos que se concretarán figura a posta en marcha dun novo balneario, a mellora das infraestruturas e servizos ao redor de diferentes áreas termais ao aire libre, e a posta en valor do patrimonio termal.

Tamén se ofrecerá unha ferramenta de intelixencia turística aplicable a outros destinos termais do mundo, así como a dixitalización e a fidelización a través do Smart Thermalism, que pasará a integrarse entre as compoñentes doutro dos grandes proxectos que lidera a Deputación: o Plan Destino Turístico Intelixente, que lidera a Deputación de Ourense. Doutra banda, o Plan tamén contempla actuacións de I+D+i para conseguir unha explotación do recurso da auga mineiro medicinal máis eficiente e máis responsable aínda co medio ambiente, así como a investigación aplicada á Hidrología Médica, que axudará a diversificar unha oferta enfocada á prevención e destinada aos turistas que apostan por un estilo de vida saudable.

E, no referente ao eixo de espazo turístico contémplase a finalización de infraestruturas, así como a creación dun mini parque termal lúdico-pedagóxico.

Plans de Sostibilidade Turística

O delegado do Goberno informaba tamé de que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo abriu xa a convocatoria ordinaria para este ano dos Plans de Sostibilidade Turística. Foi acordada onte pola Conferencia Sectorial de Turismo e conta cun orzamento estatal de 23 millóns de euros. As entidades locais que desexen participar desta convocatoria poden facelo ata o 31 de marzo. Tamén este ano haberá unha convocatoria extraordinaria financiada con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

“Nos últimos dous anos o Goberno apoiou os destinos turísticos en Galicia con 20 millóns de euros”, indicou o delegado, explicando o Goberno creou estes Plans en Destino como un mecanismo extraordinario de reactivación do sector turístico ante a grave afección da pandemia.

Artigos relacionados

Back to top button