Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O PP provincial propón unha feira anual coas catro denominacións de orixe ourensás

É unha das dez propostas que presentará no pleno sobre o estado da provincia que se celebrará o 16 de novembro na Deputación

No pleno extraordinario do debate sobre o estado da provincia, que a Deputación de Ourense celebrará o 16 de novembro, o grupo popular ten previsto presentar un decálogo de propostas moi variadas. Van dende a dinamización económica, o medio rural, o termalismo ou a viticultura ata a cooperación cos concellos, cultura e patrimonio. Estas dez propostas de resolución presentábanse nunha rolda de prensa celebrada na mañá do 10 de novembro na sede do PP en Ourense.

Trátase dun decálogo que “recolle aspectos estratéxicos para o futuro desta provincia, pero que tamén abranguen unha completa representación de todas as actividades que desenvolve a institución provincial”, sinalaba o vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, que na presentación do documento estivo acompañado polos deputados Pablo Pérez, Plácido Álvarez e Ana Villarino. Fernández resaltaba as proposicións referidas á viticultura, “coa celebración dunha feria-exposición anual na que estarían presentes todas as denominacións de orixe da provincia”, e o termalismo, “ámbito no que se quere impulsar un completo sistema de información sobre as propiedades terapéuticas das augas mineromedicinais, en concordancia coa aposta polo turismo de saúde”.

Outro aspecto no que se fará fincapé é o o da dinamización económica, “unha cuestión básica para o futuro de Ourense que non pode quedar fora, baixo ningún concepto, deste documento de propostas”, apuntou o deputado popular ao referirse á liña de actuación que avoga por promover a creación dunha Zona Franca para Ourense, que se concentraría no polo industrial existente en torno ao polígono de San Cibrao e a Tecnópole. Tamén no ámbito económico se recolle a colaboración activa co Viveiro de Empresas e as Antenas Locais de Verín e O Barco que xestiona a Cámara de Comercio, co fin de potenciar o emprendemento e axudar á creación de emprego.

“O medio rural é unha das principais bazas coas que contamos na provincia á hora de falar de oportunidades e potencial, e por iso imos propoñer unha liña de actuación específica para os montes veciñais en man común”, apuntou Rosendo Fernández, explicando que se trata de ofrecer asesoramento para a constitución e xestión destas entidades, con especial atención á posta en marcha de proxectos que xeren riqueza e emprego no rural.

No ámbito da cultura, o grupo provincial popular entende que a celebración do Día das Letras Galegas 2017, que estará adicado a Carlos Casares, é merecente dunha programación especial para poñer en valor a figura e a obra do escritor limián, que mesmo podería incluír un premio co seu nome. “Unha ocasión moi especial para reivindicar a Ourense como terra de escritores e intelectuais esenciais na historia de Galicia”, dixo Rosendo Fernández. O complemento neste capítulo chega da man da proposta de constitución dunha comisión provincial de patrimonio, que se encargaría de estudar medidas de rehabilitación, conservación e difusión.

Artigos relacionados

Back to top button