EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima horaVídeos

O presidente do Grupo Irosa-Samaca espera acadar unha solución que lles permita manter a actividade

Rogelio López explicaba esta mañá nunha rolda de prensa os feitos que levaron á situación actual que vive esta entidade empresarial do sector da lousa

 

O presidente do Grupo Irosa-Samaca, Rogelio López, convocaba esta mañá aos medios de comunicación na sede do Clúster da Pizarra de Galicia en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) para explicar o momento actual que vive a empresa e o proceso que levou a esta situación. “Despois da monumental manifestación do pasado venres, sentímonos obrigados a explicar cal é esa situación”, comezaba dicindo López, que estaba acompañado por Manuel Pérez, director de Samaca; e Daniel Vidal, director de Irosa. Así mesmo López amosaba a súa vontade de conseguir que o “conflito se solucione e de negociar para que a actividade industrial e os postos de traballo poidan manterse”.

Na súa exposición Rogelio López realizaba un relato cronolóxico dos feitos, comezando polo ano 68 do século pasado “cando despois de comprar unhas fincas empezamos a construír, primeiro Samaca, ao comprar uns terreos no Trigal (Carballeda de Valdeorras) para establecer o almacén de distribución de lousa, e uns anos despois Irosa para facer a primeira nave de elaboración”.

No ano 1977, “con anterioridade a que os montes fosen clasificados como de man común e co obxectivo de seguir crecendo, Irosa, Samaca, Pizarras Vianzola e Capimor chegaron a un acordo cos veciños do pobo, a cambio de custearlles as obras de abastecemento. Nós pagamos todas as obras de abastecemento, a rede, depósitos, a captación e demais e eles desfrutaron desa auga que aínda hoxe permanece. Pasando moitos anos a situación foi cambiando, os comuneiros xa eran unha xeración distinta, a Lei de Montes tamén prohibe facer arrendamentos por máis de 11 anos e chegamos a un novo acordo para legalizar a situación e cumprir coa nova Lei de Montes a través dun arrendamento que non fora moi gravoso, tendo en conta que xa aboaramos cantidades importantes para facer o abastecemento de augas. Entón no 2004 fíxose un arrendamento por 11 anos que era o que permitía a lei nese momento”, explicaba o presidente do Grupo Samaca, asegurando que as súas palabras se apoian en documentos.

Neses contratos de arrendamento, matizaba Rogelio López inclúese unha cláusula que di que “dentro deste perímetros están ubicadas diferentes fincas de propiedade particular que obviamente quedan excluídas do arrendamento, xa que nós levabamos compradas numerosas fincas dende facía máis de 40 ou 50 anos”.

No caso de Irosa, Samaca e Trevinca, antes Vianzola e hoxe propiedade de Irosa, finalizaron os contratos o 1 de xaneiro de 2015. Nese senso a empresa comezaba a negociar a renovación, “non tivemos inconvinte en poñer un prezo superior, pero pedíannos 5 veces o prezo que estabamos pagando, pero ese non é o problema, o problema eran as condicións que nos esixían para renovar o contrato”, indicaba López. A elas referíase Manuel Pérez, director de Samaca. As condicións que se pedían dende a xunta de montes, tal e como explicaba, eran que todas as leiras particulares pasasen a ser propiedade do pobo. Uns terreos que incluían 14 edificacións, entre fábricas, almacéns, oficinas, comedores e talleres. Ademais, demandábase, segundo Pérez, establecer un novo contrato por cinco anos, non expropiar os terreos e pagar unha renda cinco veces superior á que o grupo de empresas tiña previamente, entre outras cuestións, que desde Grupo Irosa-Samaca “non se podían aceptar”.

 

 

Os representantes dos comuneiros optaron entón por solicitar o desafiuzamento nos tribunais, e o grupo de empresas, pola súa banda, decidiu solicitar a expropiación dos terreos “por interese público e social”, que a Xunta de Galicia concedeu. Rogelio López indicaba tamén que “temos feito o pago dos terreos coa correspondente acta de pago, temos a acta de ocupación e críamos que aquí se acababa o problema, pero non é así. Eles no tempo conseguen unha sentenza favorable e agora atopámonos con que nós temos a posesión do 100% dos terreos, ou ben por propiedade ou ben por expropiación, e eles teñen unha sentenza que di que debemos desaloxar. A discrepancia está en que eles non queren recoñecer nin a propiedade dos terreos nin a validez da expropiación. En base a que teñen a sentenza forzan á xuíza a que esa sentenza se cumpra. As sentenzas hai que cumprilas, iso é certo, pero tamén hai sentenzas que por circunstancias sobrevidas non se poden cumprir e hai moitas nese senso”.

“Levo 57 anos na lousa, tiven centos de negociacións e só dúas non conseguín rematar, unha delas é esta, entón a min non me poden dicir que non queremos falar nin negociar”, continuaba Rogelio López. Toda esta situación derivou no conflito actual, cunha orde de desafiuzamento sobre a mesa, por ter unha sentenza de lanzamento, a pesar de que o grupo de empresas é propietario do 100% dos terreos. “Nós nunca descartamos falar con ninguén, outra cousa é que se poidan chegar a acordos razoables”, indicaba.

Ademais, Rogelio López aseguraba que Xunta de Montes de Portela e Trigal “expulsou a comuneiros de forma inxusta, algo que foi recoñecido pola xustiza. En concreto, a veciños que son maioría e que non están de acordo co que se fai, motivo polo que foron expulsados”. Pero, tamén, segundo engadía López, admitiuse a veciños que non cumprían as condicións para ser recoñecidos como comuneiros, “todo iso co obxectivo de manter a maioría”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button