SanidadeÚltima hora

O programa “Pupas, sustos e outros desgustos” formaba neste curso en primeiros auxilios a case 1.800 nenos

Está sendo impartido por enfermeiras de Atención Primaria e pretende formar aos nenos no seu autocoidado e tamén para que saiban recoñecer e actuar ante unha situación de emerxencia
Un dos momentos da presentación do balance desta actividade formativa.

O taller de primeiros auxilios “Pupas, Sustos e Outros Desgustos”, promovido pola Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, constitúe unha iniciativa pioneira en Galicia coa que enfermeiras dos centros de saúde contribúen a formar aos rapaces de 3º e 4º de primaria, mediante simulación práctica e xogos, para perder o medo e actuar, tanto en pequenos accidentes como emerxencias. Na mañá deste 19 de xuño presentábase o balance do curso 2018-19.

As promotoras do programa, Verónica Civeira e Dolores Sánchez, enfermeira do C.S. de Carballiño e subdirectora de procesos de enfermería, acompañadas polo xerente, Julio García Comesaña e a Delegada Territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira, deron a coñecer os resultados deste curso, que permitíu formar a 1.798 rapaces de 41 colexios de toda a provincia, crecendo nun 78% de participación con respecto ao curso 2017-2018, no que tan só se realizou na comarca do Carballiño.

Impartido por enfermeiras de Atención Primaria da Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, o obxectivo do taller é “empoderar” aos nenos no seu autocoidado formalos para que saiban recoñecer e actuar ante unha situación de emerxencia, e tamén ante as pequenas incidencias e accidentes, perdendo o medo ante situacións da vida diaria.

O programa iniciouse con gran éxito o pasado curso escolar na comarca de Carballiño, o que motivou a súa extensión este curso a toda a provincia contando coa participación de persoal de enfermería de 16 servizos de atención primaria ademais de residentes en formación e técnicos do 061.

Para avaliar os coñecementos adquiridos, aos rapaces faiselle unha enquisa previa e posterior ao curso e os resultados son moi positivos no conxunto de situacións. Especialmente significativo é que tras o curso o 95,89% dos nenos sabían número de teléfono ao que chamar ante unha emerxencia e o 85,92% como reaccionar ante un atragoamento, fronte a un coñecemento previo do 5,49%.

Ademais da adquisición de coñecementos o formato está a ser moi valorado tanto polos alumnos como polos profesores, cun 95% e un 97% de valoracións coa máxima puntuación positiva.

Artigos relacionados

Back to top button