En portadaÚltima horaVídeos

O Santuario das Ermitas (O Bolo) recibirá case 560 mil euros para os novos traballos de restauración

Esta nova achega permitirá actuar na cuberta, fachadas e soportais, mellorar a zona das visitas culturais e a accesibilidade na Horta das Olivas e investigar a canalización histórica do santuario

 

A Xunta  licitará nas vindeiras semanas novos traballos de restauración no Santuario das Ermitas, no concello de O Bolo, cun investimento de case 560.000 euros. Así o anunciaba o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na mañá deste martes 22 de novembro durante a visita que realizaba ao lugar, onde explicou que esta nova achega “permitirá actuar na cuberta, fachadas e soportais, mellorar a zona das visitas culturais e a accesibilidade na Horta das Olivas, así como investigar a canalización histórica deste ben”.

 

 

Tal e como explicou o conselleiro, que estivo acompañado polo alcalde de O Bolo, Manuel Corzo e polo deputado provincial e alcalde da Rúa, Álvaro Fernández (entre outros) con esta nova actuación o investimento feito polo Goberno galego neste santuario durante a última década elévase ata os case 850.000 euros. “Na Xunta temos clara a relevancia deste monumento non só para a provincia de Ourense, se non para toda a Comunidade. Proba disto é o importante esforzo orzamentario que vimos facendo para garantir a súa conservación desde a súa declaración como Ben de Interese Cultural no ano 2006”, subliñou.

 

 

Así mesmo, engadiu que o Goberno galego é a administración máis comprometida co patrimonio cultural galego, como así o demostra o incremento nos orzamentos do vindeiro ano do 14% nas contas destinadas á conservación, restauración, investigación e divulgación de bens patrimoniais.

No caso concreto do Santuario das Ermitas, os traballos previstos inclúen a reparación da cuberta, a aplicación de tratamentos de limpeza, consolidación e renovación dos rexuntados e a restauración da bóveda plana da Torre do Evanxeo. Ademais, na Casa da Administración están previstas tarefas de limpeza e a eliminación de cementos e elementos alleos e a desmontaxe das reixas e vidros existentes co fin de recuperar o espazo orixinal dos soportais. “Estímase que os traballos se poñan en marcha no segundo trimestre do ano 2023 e contarán cun prazo de execución aproximado de seis meses”, adiantaba o responsable da carteira de Cultura da Xunta de Galicia.

 

 

O proxecto complétase coa dotación dunha nova iluminación, a renovación dos vidros, a recuperación das carpinterías, a execución de novas estruturas metálicas para soportar os Vía Crucis e a rehabilitación integral dos aseos, o que permitirá mellorar as infraestruturas da zona das visitas culturais.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button