
A Xunta de Galicia completou no último trimestre a implantación do distrito único nas oficinas galegas de emprego. As persoas usuarias xa podían desde maio inscribirse e/ou realizar as xestións relacionadas coa súa demanda de traballo en calquera delas e, desde o pasado novembro, tamén as empresas ou entidades empregadoras poden tramitar as súas ofertas en todas as oficinas, independentemente do lugar onde se radique o posto.
O servizo galego de emprego ofrece a posibilidade de que calquera persoa que teña un domicilio en Galicia se poda inscribir e realizar calquera trámite da súa demanda de emprego nalgunha das 53 oficinas repartidas pola comunidade: o sistema, porén, asígnalle automaticamente un centro de referencia en virtude do seu código postal que resulta importante a efectos de prestar servizos como o de orientación, entre outros.
O pasado 16 de novembro, ampliouse o concepto de distrito único para aplicalo tamén ás entidades empregadoras. Desta maneira, poden presentar e tramitar as ofertas de emprego en calquera oficina de Galicia, ata o de agora tiña que presentala na que correspondía segundo a localización do posto de traballo.
Orientación e prospección laboral
A Xunta de Galicia reforzará tamén neste marco o próximo ano nun 25% o persoal das oficinas de emprego grazas á creación dun servizo propio e permanente de orientación laboral e prospección empresarial, que estará integrado por 136 profesionais que se incorporarán a todas as oficinas.
O Goberno galego destinará a esta medida arredor de 5 millóns de euros co obxectivo de optimizar os apoios que se veñen prestando desde o servizo de emprego de Galicia, ampliando a área de orientación con carácter xeral e permanente e consolidando a atención que se dispensa ás persoas usuarias.
A incorporación deste persoal permitirá reforzar a atención de colectivos prioritarios como mozas e mozos ou parados de larga duración para que atopen máis oportunidades.
Os 136 postos estarán repartidos nas oficinas de emprego das correspondentes Xefaturas Territoriais de Promoción do Emprego da Xunta: 46 técnicos medios de orientación estarán destinados en oficinas da Coruña; 16 en Lugo; 18 en Ourense; 50 en Pontevedra; e os 6 restantes traballarán directamente no servizo de orientación laboral e o de intermediación da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.
Todas as oficinas recibirán, deste modo, persoal adicional para reforzar os servizos de orientación, para potenciar a captación de ofertas de emprego e favorecer a comunicación co tecido empresarial.
Renovación de oficinas
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a renovar, nalgúns casos adquirindo novas infraestruturas, as oficinas de emprego, cun investimento previsto en 2023 de 3,3 millóns de euros. Tamén se completará a dixitalización de todas elas, cun novo software baseado nas novas tecnoloxías para identificar as necesidades do mercado en tempo real.
Lanzarase, ademais, unha nova oferta formativa para o persoal do servizo. Así, se seguirá a formar ás persoas traballadoras do servizo de emprego ao que se destinarán máis de 405.000 euros. O I plan formativo ofertou en 2022 un total de 900 prazas que se cubriron con éxito, para a mellora de competencias en asuntos como a atención ao público, a xestión de demandas e ofertas de emprego, inscricións de persoas estranxeiras, etc.