OurenseÚltima hora

O “Tren Ourense Termal”, a estrela da campaña “Galicia a todo tren” en Fitur

A Deputación e Renfe asinaron hoxe un convenio para seguir promovendo o termalismo a través do ferrocarril 

Ourense volve estar presente na segunda xornada do salón internacional do turismo Fitur. Nesta ocasión os trens foron os principais protagonistas, xa que esta cita serviu de punto de encontro para que a Deputación de Ourene e Renfe asinasen, novamente, un convenio para promover a provincia coma un destino termal. Este acordo vense facendo dende o ano 2014 e debido ao seu éxito prolongouse hoxe. Ao mesmo tempo, presentouse a campaña “Galicia a todo tren”, da Xunta de Galicia, e na que está incluída a ruta termal por vía férrea.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o director xeral de Renfe, Ramón Azuara, en presenza do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, asinaron dita colaboración entre institucións , que estará vixente ata o 31 de decembro de 2017, para fomentar conxuntamente o uso do tren como medio de transporte para chegar ata a provincia termal de Ourense.

Entre o acordado, contémplase o traslado desde a estación do Empalme ata o balneario correspondente, así como promover o ferrocarril como medio de transporte de Termalismo Saudable e Cultura Termal “Ourense, la provincia termal”, ademais de informar aos interesados dos descontos ofrecidos pola compañía ferroviaria pública.

Así, para os visitantes que queiran achegarse até Ourense para gozar do termalismo, Renfe Viajeros oferta unha tarifa especial chamada “Ourense Termal” que consiste en descontos do 50% nos billetes do tren de Longo Percorrido que chegan á capital proximamente.

Tras a sinatura deste acordo, o presidente Manuel Baltar destacou que esta alianza “fortalece a promoción da marca Ourense”. Asemade, engadiu que este ano a Deputación vai destinar “máis dun millón de euros” para proxectos de infraestruturas e investigación e promoción do termalismo. Unha materia que o rexedor provincial definiu como o “eixo estratéxico de desenvolvemento da provincia”. Sen saír do termalismo, Baltar recordou que este ano “pasamos de cinco a sete balnearios, e agardamos a próxima incorporación do de Berán” e engadiu o desexo de poder contar co gran balneario da capital.

Pola súa banda, a responsable de Turismo da Xunta, Nava Castro, sinalou que o tren termal percorrerá o itinerario da vía de ferrocarril entre Santiago e Ourense. Unha vez chegados á capital das Burgas, os visitantes farán unha visita guiada para coñecer o patrimonio histórico da capital e gozar da cultura termal. Castro resaltou que con isto preténdese fomentar o turismo urbano en Galicia e por iso para o Tren Termal “están previstos servizos ferroviarios de aproximación gratuítos dende Vigo e A Coruña ata Santiago”.

TERMATALIA

Pero os asistentes a Fitur tiveron ración dobre de termalismo, xa que hoxe tamén foi a presentación de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Salud y Bienestar. Tras celebrar a súa pasada edición en América Latina, esta cita volve de novo a Ourense convertida no foro e punto de confluencia dos axentes que traballan para o desenvolvemento do termalismo a nivel mundial.

A presentación de hoxe é o arranque da promoción internacional que vai facer Termatalia 2017. Neste senso, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, indicou que esta cita “da visibilidade internacional ao potenciar Galicia en Turismo Termal, e tamén fai competitivos aos nosos establecementos”.

Nesta presentación tamén participou o subdirector de Turespaña, Rafael Chamorro, que subliñou que “case dous millóns de visitantes en España utilizaron servizos relacionados co turismo de saúde”. O responsable en Turismo resaltou que “é un nicho con moito potencial e Termatalia pode ser o barco no que promocionarse a nivel mundial”.

Artigos relacionados

Back to top button