EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Operadores turísticos coñecen o territorio do xeodestino Terra de Celanova–Serra do Xurés

Esta iniciativa busca achegar as potencialidades naturais, patrimoniais, enogastronómicas e termais que ofrecen os concellos que integran este xeodestino para que as empresas de viaxes poidan xerar produtos que formen parte das canles de comercialización

 

 

O Inorde e o Xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés veñen de organizar, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, unha viaxe de familiarización na participan 7 operadores turísticos. O obxectivo desta iniciativa, realizada coa participación da Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia, é achegarlles as potencialidades naturais, patrimoniais, enogastronómicas e termais, que ofrecen os municipios que integran este xeodestino, para que, posteriormente, poidan xerar produtos que formen parte das canles de comercialización.

No Concello de Padrenda comezaba esta viaxe de familiarización. Alí, os operadores turísticos tiveron a oportunidade de visitar o marco número 1 da fronteira con Portugal, así como o posicionamento estratéxico que ofrece este municipio para levar a cabo proxectos transfronteirizos entre España e Portugal. En Padrenda tamén visitaron un dos miradoiros que hai no municipio, así como un tramo da súa “Ruta dos Muíños” que aglutina natureza, patrimonio e historia.

Posteriormente, desprazáronse ata o municipio de Quintela de Leirado para visitar o seu Centro de Interpretación da Emigración a Nova Guinea, unha infraestrutura que será inaugurada proximamente e que se unirá aos atractivos turísticos que ten este xeodestino. Logo da visita a este espazo museístico, os operadores turísticos continuaron coa súa viaxe por Celanova, onde coñeceían a riqueza histórica e patrimonial que agocha o Mosteiro de San Salvador e Vilanova dos Infantes. Finalizarán este primeiro día de viaxe en Ramirás, onde degustarán a súa oferta enogastronómica.

Na seguinte xornada, a programación do fam trip trasladarase á comarca da Baixa Limia que conserva un valioso legado histórico e artístico en plena natureza: fitos, dolmens, igrexas ou a Vía Nova. Aquí está ademais o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, que comparte espazo en territorio portugués co Parque Nacional Peneda-Gerês, dando forma a Reserva Transfronteiriza da Biosfera Gerês-Xurés.

 

 

Neste senso, comezarán a visita en Bande que os levará a afondar no legado romano que ofrece este municipio no campamento Aquis Querquennis. Posteriormente, irán a visitar un dos conxuntos históricos máis importantes da provincia de Ourense que se atopa en Maus de Salas, no Concello de Muíños para realizar a súa ruta megalítica. Posteriormente, desprazaranse ao concello termal de Lobios para coñecer a súa riqueza patrimonial e natural visitando diferentes núcleos do territorio como Puxedo, A Cela así como a contorna da Vía Nova en Portela e a corga da Frecha, a fervenza máis alta do Parque Natural.

O venres, 26 de novembro, celebrarase unha reunión de traballo con empresas locais da zona para xerar sinerxías cos touroperadores e que poidan comercializar o territorio con paquetes e experiencias turísticas.

Este xeodestino está integrado polos seguintes concellos: Cartelle, A Merca, Gomesende, Ramirás, Padrenda, Quintela de Leirado, Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e A Bola. Esta actividade forma parte do plan de promoción deseñado para o ano 2021 e que se instrumentaliza co financiamento da Axencia de Turismo de Galicia, do Inorde e dos propios Concellos.

Artigos relacionados

Back to top button