OurenseÚltima hora

Os centros educativos galegos xa poden reservar praza na Aula Newton, na Tecnópole, para iniciarse no mundo da aviación

Simulador na Aula Newton, na Tecnópole.

 

A Aula Newton Galicia, a única que existe en España con carácter permanente, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, acaba de abrir os prazos para que os centros educativos de toda a comunidade se inscriban de xeito gratuíto na segunda quenda do curso, que se celebrará entre os meses de febreiro a xuño. Dirixida a alumnado desde 2º da ESO a 1º de Bacharelato, esta aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas está destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. A Aula Newton Galicia, que vai pola súa segunda edición, está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.

Os centros educativos interesados en formar parte desta novidosa experiencia deberán inscribirse na páxina web https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia. A Aula desenvolverá a súa actividade os xoves e os venres, de 10:00 a 13:00 horas.

En cada xornada poden participar ata 32 rapaces e rapazas

 

 

Os participantes terán a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo “Voamos con números: unha aventura aérea”. Debido ao éxito desta proposta e co fin de incrementar o número de rapaces e rapazas que poidan desfrutar da mesma, Tecnópole acaba de adquirir un novo simulador de voo, polo que nestes intres a Aula Newton xa dispón dun total de catro simuladores. Ademais, ampliouse o mobiliario da Aula, de xeito que en cada xornada pode haber ata un máximo de 32 participantes e un mínimo de 24.

A rapazada deberá responder a unha hipotética misión de rescate localizada na nosa comunidade, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, situado na Estrada, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia. Así, para calcular as rutas de voo e cumprir as diferentes misións, o alumnado porase á fronte dos simuladores de voo avanzados, asistidos e orientados en todo o proceso por un equipo de instrutores cualificados.

Artigos relacionados

Back to top button