En portadaÚltima horaVídeos

Os fogos artificiais pecharán as Festas do Cristo 2022 no Barco de Valdeorras

O programa, que regresa este ano en todo o seu explendor estenderase do 7 ao 14 de setembro

 

Despois de dous anos volven as Festas do Cristo, “as nosas festas, as de sempre, porque temos que estar orgullosos do que temos, un programa que marca pautas e é mostra para outros concellos”. Con estas palabras comezaba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, a presentación do programa deste 2022 que se estenderá do 7 ao 14 de setembro “completo e variado, con actividades para todas as idades, recuperando as orquestras, o descenso do Sil, a xuntanza de pandillas e os fogos artificiais que por primeira vez pecharán as festas”, dixo Marga, lembrando que serán o mércores 14 de setembro a partir das 22:30 horas sobre o río Sil e que porán o broche de ouro aos festexos.

A nivel programación destaca a macro ludoteca da Deputación que o 7 de setembro fará as delicias do público familiar e o pasarrúas ‘A danza dos Paxaros’ do venres 9, o día do pregón que marcará o inicio oficial das festas na praza Maior a partir das 20:45 horas.

 

A concelleira de Cultura Margarida Pizcueta e o concelleiro de Deportes Aurentino Alonso, co cadro de Lola Doporto que ilustra o cartel das festas.

 

Das orquestras, a concelleira destaca a París de Noia (o martes 13 en sesión de tarde e verbena) “a orquestra con maiúsculas neste momento para o meu gusto”, dixo, aínda que todas son de renome e longa traxectoria. New York actuará o sábado 10 de setembro en sesión de tarde e verbena; Finisterre o domingo día 11 cun pase único; e Magos o luns 12 tamén con pase único.

Neste programa non faltan os concertos, destacando o que Luar na Lubre dará o sábado no campo da festa e Roi Casal o marte no mesmo escenario. “En ámbolos dous concertos poremos 300 cadeiras diante do palco para a xente que non poida aguantar de pé ou teña mobilidade reducida”, adiantou a concelleira, incidindo en neste ano tamén se recupera o alumeado potente por toda a vila.

 

 

Con respecto ao apartado artístico, moi presente no Cristo nos últimos anos, nesta ocasión virá da man de Lola Doporto, pintora barquense que será protagonista por partida triple: é a autora do cartel das festas (o cadro orixinal entregouno ao Concello como agasallo para todos os veciños); terá unha exposición de pintura no Casino do Barco; e será a pregoeira. “Había 19 anos que unha muller non lía o pregón do Cristo e este ano, dado o destacado papel e tirón que está tendo Lola quixemos ter unha deferencia con ela”, explicou Marga asegurando que se o tempo acompaña “serán unhas datas para lembrar porque todos temos ganas de festas con maiúsculas como son as do Cristo, ás que convido a veciños e visitantes, para deixar de lado e esquecer o sufrimento provocado pola pandemia”.

 

O concelleiro de Deportes Aurentino Alonso.

 

Da presentación do apartado deportivo, que recupera todas as probas tradicionais, encargouse o concelleiro Aurentino Alonso. El mesmo explicou que as primeiras cita será o Torneo de Petanca nas pistas do Chao e o Memorial Jess Carrera de fútbol sala no pavillón de Calabagueiros. Ese día será tamén o turno para o piragüismo cunha proba turística a partir das catro da tarde e o Descenso Internacional do Sil (18h.) que este ano será aínda máis seguro. “Todos os deportistas levarán microchip para telos localizados en todo momento e evitar sustos”, dixo o concelleiro de Deportes. Para o domingo queda a Milla Urbana que chega á XXXV edición no Malecón; e o inicio de liga para o CD Barco que xogará contra o Arousa.

Na Sala Abanca permanecerá a exposición sobre o gran lanzador de xavelina Luis Nogueira e a última cita das festas será xa o mércores 14 de setembro ás 8 da mañá no río Sil. A esa hora comezará o Madrugón, a baixada a nado dende A Capitana que marca o inicio do día do Cristo. “Dende aquí convido a todos os barquenses a coller o bañador e participar nesta divertida proba na que ademais de premios haberá chocolate”.

Toda a información das Festas do Cristo nun especial de O Sil en papel.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button