En portadaOurenseÚltima hora

Ourense Vinis Terrae, unha aposta pola internacionalización do viño galego de calidade

O Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade abriu hoxe as súas portas en Expourense nunha cita profesional na que participan 64 expositores e compradores de 23 países

Un dos momentos da inauguración de Vinis Terrae 2023 en Expourense.

 

Ourense Vinis Terrae, Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade, cobraba vida esta mañá en Expourense. A mostra vai pola súa décima edición e está consolidada xa como unha ferramenta de internacionalización ao servizo das adegas galegas. Ata mañá ás 18.00 horas, este salón pon en contacto aos 64 expositores con medio centenar de compradores e importadores procedentes de 23 países. “Realizouse unha selección exhaustiva dos hosted buyers e dos mercados dos que proceden traballando, sobre todo, con Europa. A idea é posicionar esta cita como unha ferramenta de exportación ao servizo das adegas e que cada vez resulte máis sinxelo atopar viño e licores galegos de calidade no mercado internacional”, explicou o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez durante a inauguración oficial do salón que estivo presidida polo conselleiro do Medio Rural, José González.

Durante a súa intervención, o conselleiro destacou a importancia do sector vitivinícola galego, que permite á nosa comunidade “facer territorio a través do viño”. Indicou ademais que o sector agrario debe “mirarse no espello do viño para vender Galicia”. No Día Mundial do Medio, José González fixo referencia tamén a que a “viticultura é esta comunidade é un exemplo de sustentabilidade ambiental, pero tamén social e económica”. Agradeceu ademais que Ourense Vinis Terrae sexa un escaparate internacional para as adegas adscritas aos consellos reguladores de Galicia e, en especial, para as 12 adegas participantes dentro da caseta institucional da Xunta e que son algunhas das gañadoras dos “Acios de Ouro” ou “Potes de Ouro” nas Catas oficiais de Galicia 2022.

 

 

Este salón pon en contacto directo aos 64 expositores con importadores procedentes de 23 países (Alemaña, Bélxica, Brasil, Costa Rica, Dinamarca, España, Estados Unidos, Estonia, Filipinas, Finlandia, Guinea Ecuatorial, Irlanda, Italia, Lituania, México, Noruega, Países Baixos, Panamá, Polonia, Portugal, Reino Unido, Suecia e Suíza). O salón conta cun alto índice de fidelidade, xa que o 80% das adegas repiten participación nesta cita e o 20% fano por primeira vez. Tamén é a primeira vez que participa a Agrupación industrial de Turismo de Galicia promocionando de forma conxunta, baixo o paraugas de “Enoturismo de Galicia), as Rutas do Viño de cada Denominación de Orixe da nosa comunidade.

Esta edición de Ourense Vinis Terrae volve contar cun Túnel do Viño e Licores e Augardentes, un escaparate que ofrece a visitantes e a expositores un espazo no que se expoñen 116 referencias de todas as denominacións de orixe de Galicia. O obxectivo é que os profesionais poidan coñecer os distintos viños presentes e, desta forma, os compradores teñen a posibilidade de coñecer un maior número de referencias, ademais das que xa están a coñecer a través da súa axenda de citas.

Plataforma Tecnolóxica do Viño

Ourense Vinis Terrae é unha cita carácter profesional que conta cun completo programa de actividades orientadas promover a calidade dos viños e licores e as variedades de uva autóctonas de Galicia. Ademais de coñecer as últimas colleitas das adegas galegas, os profesionais do sector do viño, a distribución e da hostalería que visiten Ourense Vinis Terrae teñen a oportunidade de participar nalgunha das actividades previstas.

Unha das novidades desta edición foi a presentación da Plataforma Tecnolóxica do Viño (PTV) que correu a cargo do seu presidente, Carlos Mouro, quen é ademais presidente do Grupo Matarromera, un dos grandes grupos adegueiros de España que conta xa con tres adegas en Galicia. Carlos Mouro estivo arroupado nesta presentación polo conselleiro do Medio Rural, José González, e polo director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Carbarcos.

 

 

A Plataforma Tecnolóxica do Viño, un proxecto que ten o obxectivo de impulsar e establecer unha estratexia común de I+D+i para o sector vitivinícola en España. Así, a plataforma permite a integración de todos os axentes que compoñen este campo, incluídas as adegas, as empresas da industria auxiliar do viño, os grupos de investigación, os centros tecnolóxicos, as asociacións empresariais e outras institucións públicas e privadas, co fin de estruturar o sector e poder investir en innovación de forma optimizada.

Relacionado con esta plataforma, está a levarse a cabo a Rede de Observatorios de Variedades e Variedades Adaptadas ao Cambio Climático, na que participa a Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, a través da Estación de Vitivinicultura e Enoloxía de Galicia- Evega. Nesta rede formaranse 10 parcelas experimentais a partir das cales se poderán realizar estudos comparativos e análises de diferentes parámetros co obxectivo de ver a resposta e resistencia de 25 variedades a diferentes condicións climáticas.

Catas

O programa de actividades desta primeira xornada de Ourense Vinis Terrae incluíu a cata comentada dos viños brancos premiados cos “Acios de Ouro”. Mañá martes terán lugar a cata de tintos e a de licores e augardentes tradicionais. Esta tarde celébrase ademais III Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae na que participan os viños das 64 adegas expositoras no salón que serán catados por expertos enólogos, catadores e catadores procedentes de distintos puntos de España.

Entre as novidades que presenta esta cita do salón destaca o Primeiro Concurso “Coñece os nosos viños”, unha cata cega por equipos dirixida exclusivamente a profesionais do sector do viño celebrada ao longo de toda esta mañá. Participaron nesta cata un total de 8 equipos. Tanto os premios deste concurso (dotados con 1.5000 euros a repartir entre os tres primeiros clasificados) como os da III Cata Extraordinaria serán dados a coñecer no acto oficial de clausura que terá lugar mañá martes ás 17.00 h.

 

 

Esta primeira xornada, celebrada no Día Mundial do Medio Ambiente, incluíu ademais unha conferencia sobre a pegada de carbono na viticultura impartida pola empresa galega AirCO2.

Visitas ás denominacións de orixe

A participación nesta feira facilitará aos visitantes profesionais convidados en calidade de “hosted buyers” o coñecemento das zonas produtivas. Nesta ocasión, os compradores visitarán mañá pola tarde unha adega e plantación da Denominación de Orixe Monterrei. Visita que conta coa colaboración do Inorde.

Organizado por Expourense, Ourense Vinis Terrae 2023 conta co apoio fundamental da Xunta de Galicia a través da Axencia de Calidade Agroalimentaria (AGACAL) adscrita á Consellería do Medio Rural e da Deputación Provincial de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button