CulturaCulturaÚltima hora

Pazos de Arenteiro dá a coñecer a súa riqueza patrimonial coas “Noites teatralizadas”

Esta proposta cultural desenvolverase todos os venres ata o 15 de setembro, a partir das 22:30 horas, dirixida a todos os públicos
Patricia Torres, Rosendo Fernández e Darío Rodríguez.

O Concello de Boborás dará a coñecer a riqueza cultural e patrimonial da súa aldea Pazos de Arenteiro a través das “Noites teatralizadas” que se celebrarán todos os venres, do día 14 de xullo ata o 15 de setembro, ás 22:30 horas, unha actividade para todos os públicos e de balde. A presentación desta proposta tivo lugar hoxe, 13 de xullo, no Pazo Provincial coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a tenente de alcalde de Boborás, Patricia Torres; e o representante da Asociación Cultural Plan B, Darío Rodríguez.

Cada visita durará unha hora aproximada e ten “varios piares fundamentais: a interacción co público, a música en directo que lle dará máis espectacularidade e o compoñente lúdico, aínda que tratamos tamén de facer unha experiencia didáctica para ensinarlle aos espectadores o que foi Pazos na Idade Media”, explicou Darío Rodríguez, quen asegurou que será tamén importante “o factor sorpresa”.

Os interesados en participar deberán realizar a súa reserva a través dos números de teléfono: 645865080 ou 619442622, xa que o aforo está limitado a 30 persoas. “Para as visitas de mañá xa temos o aforo cuberto”, dixo a tenente de alcalde de Boborás, quen destacou o papel que exerce o municipio a nivel provincial no eido cultural “organizando iniciativas para dar a coñecer o noso territorio”. Ademais, Patricia Torres dixo que para a o Concello de Boborás “a actividade cultural en xeral é unha cuestión fundamental porque cremos que a cultura ten que formar parte da vida dos nosos veciños e dos nosos visitantes, e que a cultura está ligada ao turismo polo tanto, toda actividade cultural que fagamos vai a incidir favorablemente no sector turístico do noso municipio”.

Neste senso, o vicepresidente da Deputación de Ourense explicou que esta iniciativa cultural amosará “o universo medieval baixo a influencia da encomenda de Pazos de Arenteiro que é un dos fíos básicos dunha alternativa lúdico-cultural a desenvolver con base no século XIII: unha época marcada polo papel preponderante da Igrexa nas sinerxías socias dese tempo”. Rosendo Fernández dixo que se trata de “poñer en valor e de dar a coñecer o noso patrimonio, tanto aos turistas coma aos propios veciños, para que a través do teatro, poidan descubrir os lugares máis emblemáticos da zona antiga desta aldea”.

 

Artigos relacionados

Back to top button