EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeos

Ponse en marcha a 1ª asociación luso-galaica de produtores tradicionais, impulsada polo Eixo Atlántico e polo Concello do Barco

A nova entidade, denominada Terra, está presidida por Óscar Freire, da Cooperativa Amarelante de Manzaneda

 

O Salón de Actos do edificio Multiusos do Barco acollía esta mañá o acto de sinatura da carta fundacional da primeira asociación de produtores tradicionais de Galicia e do Norte de Portugal
A asociación “Terra” nace impulsada polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, polo Concello do Barco de Valdeorras, que lidera a iniciativa, pola Câmara de Vila Nova de Famalicão e pola Comunidade Intermunicipal dás Terras de Trás-os-Montes, todos membros do Eixo Atlántico.

 

 

“Este un punto de partida para sumar sinerxías e, gran a gran, que todos poidamos chegar a todas partes. Comezamos uns poucos e queremos lograr o noso soño que é crear riqueza, que o valor engadido quede no territorio e asentar poboación. E imos dende todos os ámbitos, dende a castaña, o aceite, o viño, os licores, o mel… produtos todos ligados ao territorio”, dicía o presidente da nova asociación, Óscar Freire, membro da Cooperativa Amarelante de Manzaneda. Comeza con produtos agroalimentarios, pero non se pechen a incorporar no futuro a outros emprendedores doutras alternativas produtivas vencelladas ao territorio.

O obxectivo desta nova entidade é promover produtos do territorio de elaboración artesanal e de excelencia. Trátase dun proxecto que leva desenvolvéndose desde fai oito anos e que é apoiado por fondos europeos a través do POCTEP.

 

 

Esta iniciativa, á súa vez, intégrase nunha estratexia de loita contra a crise demográfica nas zonas de Lugo, Ourense e Terras de Trás-os-Montes para fixar poboación a través dun emprendemento ligado á elaboración de produtos tradicionais. Así mesmo, neste proxecto participan localidades do interior e da totalidade do territorio incluíndo poboacións de eixo costeiro que traballan no sector conserveiro con criterios de excelencia.

O Eixo Atlántico impulsou a creación da imaxe de marca, a formación en etiquetaxe, así como a elaboración de produtos de excelencia. Anualmente, a entidade organiza dúas feiras para a compra dos devanditos produtos: unha no Barco de Valdeorras, que se celebrou o pasado mes de setembro, e outra itinerante cuxa última edición tivo lugar en Santiago de Compostela en xullo. Ademais este ano prevén realizarse no ámbito de todo o Eixo Atlántico “para darlle máis visibilidade a estes produtos”, din os promotores, destacando que “a gastronomía tamén é unha imaxe de marca”.

 

O secretario xeral do Eixo Atlántico durante a súa intervención./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Isto responde a un proxecto no que levamos xa moitos anos traballando, que era conseguir que os pequenos produtores fosen capaces de camiñar por si mesmos no desenvolvemento do seu traballo e nese proceso que é fundamental, que non só consiste na produción deses bens de primeira calidade, senón que iso tiña que ter un final, que era a venda deses produtos”, apuntaba no acto o alcalde do Barco, Alfredo García.

“O feito de que hoxe se constitúa a primeira asociación de produtores portugueses e galegos é dunha tremenda importancia e supón para nós unha gran satisfacción. Nós consideramos que o Eixo debe desenvolverse non só a través dos concellos, senón tamén a través dos movementos asociativos dos empresarios, e aí poñemos o foco nos pequenos empresarios e nos emprendedores. Cremos que este territorio, e en particular o interior, se vai saír adiante vai ser grazas aos emprendedores, polo tanto é a eles aos que temos que apoiar”, aseguraba o secretario xeral do Eixo Atlántico. Tamén apuntaba que esta iniciativa, con 7 anos de traxectoria, pasa xa a unha segunda fase que xa “denominamos de gobernanza. Isto hai que facela a partir do liderado da iniciativa social, apoiando”. E isto forma parte dunha estratexia, “que estamos desenvolvendo en varios ámbitos, de reforzo do Eixo interior: Lugo, Ourense e Trás-os-Montes”.

 

 

No acto tamén interviña concelleiro de Comercio e Turismo do Barco, Eladio Santos, apuntando que a asociación “xa temos unha nova ferramenta de xestión que optimiza a relación entre os produtores e as administracións e polo tanto avanza claramente nos obxectivos que pretendemos que son dinamizar todo o sector da produción, o mundo rural e fixar poboación nel”. Deseguido tomaba palabra Rui Caseiro, primeiro secretario da Comunidade Intermunicipal de Terras de Trás-os-Montes, quen incidía que esta asociación “é unha proba de que as entidades públicas debemos apoiar ás iniciativas privadas, fixémolo aquí e continuaremos a facelo para que os pequenos produtores poida promover os seus produtos como unha estratexia de desenvolvemento dos nosos territorios”.

 

 

O presidente da Asociación Terra, Óscar Freire./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A directiva da nova asociación está formada polas seguintes persoas:

Presidente: Óscar Freire da Sociedade Cooperativa Galega Amarelante, con sede en Manzaneda
Vicepresidente: Alberto Teixeira de Carvalho de Frutivinhos. Famalicão
Tesoureiro: Diego de la Torre, produtor de aceite.
Secretario: Saúl García, de Barbudos Coop., empresa valdeorresa
Vogal: Catia Rodrigues Afonso de Olivadouro, Bragança
Vogal: Francisco Figueiredo de Sabores e Tradiçoes, Bragança

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button