EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

Primeiras negociacións do convenio colectivo da lousa

A patronal e os sindicatos do sector celebraban unha reunión da mesa negociadora o 13 de maio, a finais de mes está prevista unha nova xuntanza

 

Sindicatos e patronal están a negociar o convenio laboral do sector da lousa. Tras a constitución da mesa negociadora en abril e a presentación das plataformas das centrais sindicais con representación nela (UXT con 3 membros, 1 da CIG e 1 de CCOO), o 13 de maio tiña lugar unha nova reunión para empezar a negociar coa parte empresarial.

A proposta de UXT (sindicato maioritario no sector) plantexa un total de oito puntos, entre eles un convenio cunha vixencia de 4 anos (2020, 2021, 2022 e 2023), xunto cun incremento salarial dun 1% no 2020, dun 1% no 2021, dun 2% no 2022 e dun 2% no 2023. “Nós plantexamos unha suba de salarios que no total sería dun 6% neses catro anos. Creo que nos momentos que estamos a vivir non sería un mal acordo, pero estamos esperando a ver que di a patronal”, asegura Javier Carreiro, secretario xeral da FICA Galicia (Federación de Industria, Construción e Agro) de UXT.

Ademais, engade Carreiro, “na nosa plataforma levamos outras cuestións como a acumulación do período de lactancia, os 15 días de permiso en caso de establecemento de parellas de feito, ou que as vacacións deben ser de 30 días naturais, pero non menos de 21 días laborais”. Así mesmo defenden un convenio para toda Galicia e tamén inclúen un artigo ou disposición adicional “onde se faga constar a necesidade de crear un centro de referencia a nivel autonómico para a detección e seguimento da silicose no sector da lousa, así como instar ás autoridades competentes para a creación do mesmo”.

Por outra banda, dende a CIG, Plácido Valencia, secretario nacional da Federación da Construción e Madeira, indica que “no seu momento nós xa solicitamos que a patronal puxera unha plataforma enriba da mesa para que nós puideramos estudar o que eles pretendían, dixeron que non, que ían estudar os nosos puntos e, deles, íannos dicir nesta última reunión (o 13 de maio) cales estarían dispostos a negociar e cales non, pero nesta xuntanza basearon toda a súa negociación no que plantexou UXT, e no único que esa plataforma ten algo de interese real para os traballadores é no dos salarios, no que en principio non se chegou a ningún acordo”.

A CIG considera que un convenio a catro anos “sería inasumible. Cremos que hai que observar a realidade dentro de dous anos, aínda que isto podería negociarse”. Ademais propoñen unha suba salarial dun 3% para o 2020 e dun 3,5% para o 2021. “O sector da lousa non tivo unha merma, nin descalabro económico por esta situación de crise, aínda que todos podemos entender que foi unha situación nefasta para todo o mundo”, asegura Valencia.

 

 

Este sindicalista tamén apunta que a plataforma da CIG recolle unha baixada de xornada de 1.800 horas, que é a máxima que está establecida, “a 1.752 horas, para ir reducindo o tempo de exposición dos traballadores á sílice, porque é un problema moi gravoso dentro deste sector”. A proposta da CIG recolle así mesmo outras cuestións como poder acumular o período de lactancia” e que no caso de accidentes laborais “figure o 100% do salario real, non entendo por qué aquí se cobra o 90%”, di Valencia.

A CIG coincide con UXT no referente ao acordo “para crear un centro de referencia en Galicia para a silicose, que nós xa o levamos á Xunta de Galicia hai uns meses, niso si estamos de acordo, é ademais é unha iniciativa nosa”, asegura Valencia, que tamén incide en que “as pretensións da UXT son moi pouco reivindicativas, vexo complicado que os traballadores da lousa acaden algunha mellora”.

CCOO, o outro sindicato con representación na mesa, lembra que leva xa uns anos sen asinar o convenio da lousa “porque aí ten unha maioría aplastante a UXT, nós temos 1 representante na mesa, máis un asesor, e a UXT ten maioría, pode asinar o convenio cando queira. Na primeira xuntanza a UXT xa presentou a súa plataforma sen consultar con ninguén e nós o que pedimos é retornar os dereitos que se teñen ido perdendo ao longo dos anos. Sabemos que esta é unha mesa na que imos un pouco a remolque, pero a nosa pretensión é intentar que UXT non asine ata que non consigamos un convenio digno porque os últimos convenios deixaron bastante que desexar”, afirma José Hurtado de CCOO Industria.

Neste momento, finaliza Hurtado, “estamos esperando a contestación da patronal, polo de agora está todo enriba da mesa”. A vindeira reunión da mesa negociadora terá lugar a finais de maio.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button