ConcellosQuirogaÚltima horaVídeos

Quiroga inaugura unha rúa que leva o nome da Garda Civil

 

En Quiroga inaugurábase no mediodía deste 16 de xuño a nova rúa que leva o nome, aprobado en sesión plenaria, de Rúa da Garda Civil. O acto estaba presidido polo xeneral xefe da Garda Civil de Galicia, Miguel Ángel González Arias, acompañado polo alcalde de Quiroga en funcións, Julio Álvarez, e do tenente coronel xefe accidental da Comandancia de Lugo, así como por diferentes mandos da Compañía de Monforte e de Lugo, entre outras autoridades como a subdelegada do Goberno en Lugo, alcaldes da zona e e delegado provincial da Xunta en Lugo.

 

 

Esta nova rúa de preto de 300 metros de longo e 16 metros de ancho conta con todos os servizos urbanos. Ademais de unir a rúa Tallos coa rúa Rego da Silva, da servizo ao recentemente inaugurado Cemiterio Municipal. A actuación contaba cun orzamento de 350.000 euros, dos que 60.000 aportounos a, nese momento, Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia Xustiza e Deportes, tras a firma dun convenio co Concello de Quiroga. Os terreos foron cedidos polos propietarios.

 

 

Tras o corte de cinta na entrada da rúa Tallos e do descubrimento de placas nun monólito de cuarcita habilitado na rúa, interviña o alcalde en funcións de Quiroga, no que será seguramente o seu derradeiro acto no cargo. Iniciaba a súa intervención expresando o seu agradecemento “máis profundo aos propietarios que nos cederon estes terreos gratuitamente, algo que nos días que corren é de agradecer e de ter en consideración”.

Así mesmo apuntaba que “este barrio onde estamos agora, era un barrio desanxelado e agora, con esforzo, fixemos unha magnífica e moi bonita urbanización, cunha rúa que comunica outras dúas rúas importantes: a Talles e a Río da Silva. Os meus amigos gardas civís e as súas familias tiñan que dar a volta á vila para poder acceder ao centro, e isto agora xa lles queda máis preto, xa van dereitos ao centro da vila e capitalidade do concello de Quiroga”.

 

 

Julio Álvarez destacaba o servizo que con esta nova rúa se lle presta tanto “aos axentes como a veciñanza” e explicaba o motivo da escolla do nome. “Cando se lle dá o nome a unha rúa, ten que dárselle un sentido tamén especial para inmortalizar aquelas institucións ou persoas que fixeron máis do que lles corresponde para que os cidadáns desfrutamos de calidade de vida”. Nese senso, resaltaba que “a Garda Civil mellora a nosa calidade de vida, o benestar dos cidadáns, incluso estando fóra de servizo, a Garda Civil danos tranquilidade e nos garante tranquilidade na nosa vida, tamén no caso do rural, e mesmo poñendo en risco a súa vida en ocasións”.

Deseguido tomaba a palabra o xeneral xefe da Garda Civil de Galicia, Miguel Ángel González Arias, quen facía unha reseña histórica da presenza do corpo en Quiroga. “Entre decembro de 1844 e xaneiro de 1845 chegaban aquí, un cabo e catro gardas civís, os primeiros para constituír o posto. Naqueles momentos o posto de Quiroga era dos máis importantes da provincia, e esta era unha zona especialmente perigosa pois numerosas partidas, gavillas de ex combatentes da primeira guerra carlista, asolaban a comarca. En pouco tempo, coa chegada da Garda Civil a situación empezou a reverter”. A partir de aí iniciaba un percorrido que chegaba ata a actualidade.

 

 

“Foron moitos os efectivos que ao longo deste tempo pasaron por este bonito, xeneroso e entrañable concello, pero rebuscando entre os papeis, como homenaxe a todos os gardas citarei a un deles, incluído no libro escrito por José Cora titulado “110 lucenses singulares”. Trátase do cabo Benito Araújo López, que estivo no posto de Quiroga entre 1899 e 1904. O cabo Araújo fíxose famoso nesta comarca por resolver numerosos crimes acaecidos no sur da provincia e pola detención dos seus autores, tanto que no libro defíneno como un Sherlock Holmes galego ou o máis perspicaz axente da autoridade de Galicia, e xunto aos seus compañeiros tamén gardas  destinados no posto de Quiroga Luis Varela García, Manuel Riego Fernández e Luis Cabo. Araújo chegou a ser xefe da Policía Local de Lugo tras licenciarse da Garda Civil como tenente, e faleceu en 1936”.

 

 

Finalmente, Miguel Ángel González, “en nome de todos os gardas civís, os que están hoxe, os que estiveron ao longo de  case 180 anos aquí”, expresaba o seu “profundo agradecemento ao alcalde, á Corporación municial por poñer o nome da Garda Civil a esta rúa recén inaugurada, feito que sen dúbida é o fiel reflexo do vínculo histórico do Concello e do corpo ao longo destes anos”.

Tamén apuntaba que esta nova rúa, “ademais, pasa por diante do cuartel e non podo deixar pasar a oportunidade de recordar que este cuartel é unha das instalacións mellores e máis modernas das que dispón a Garda Civil na provincia de Lugo, algo que tamén foi froito do interese e empeño da alcalde e da Corporación municipal daquela época, por todo moitas grazas”.

Os integrantes do posto da Guardia Civil de Quiroga e unha sección da Comandancia de Lugo estaban formados durante a inauguración. Ao finalizar interpretábase o himno da Garda Civil. Despois, e tras percorrer a nova rúa, os asistentes e veciños lindeiros desfrutaban dun refrixerio.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button