ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Reunión da Xunta Local de Seguridade no Barco

Os informes en materia de seguridade cidadá amosan unha tendencia estable na totalidade das infraccións penais contabilizadas en 2016 con respecto ás do 2015

Baixan os delitos computados no Barco, aínda que as faltas medran levemente. Era un dos datos que se poñía sobre a mesa na xuntanza celebrada pola Xunta Local de Seguridade na mañá do 27 de xaneiro. A reunión, mantida no Concello barquense, estivo co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e polo 1º tenente de alcalde deste municipio, Aurentino Alonso Araújo. Nale tamén participaban membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local.

No decurso do encontro dábase conta dos informes en materia de seguridade cidadá que amosan unha tendencia estable na totalidade das infraccións penais contabilizadas en 2016 con respecto ao mesmo período do ano anterior. Apreciáse unha significativa baixada no número de infraccións administrativas, pero aumentan as infraccións penais sen delitos contra a seguridade vial. O índice de esclarecemento de delitos e faltas reflicte una maior efectividade, e en consecuencia, medra o número de detidos e imputados.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, manifestaba a súa satisfacción por estes datos e destacaba neste senso o labor diario que desenvolven as Forzas e Corpos de Seguridade e a Policía Local, “esta ardua e coordinada tarefa de investigación diaria entre todos os entes policiais sempre nos darán resultados satisfactorios. Ese é o camiño a seguir para a tranquilidade e o benestar de toda a cidadanía”.

Outro punto destacado na orde do día foi a avaliación do Plan Local de Seguridade, que se puxo en andamento en marzo de 2014 para dotar ao municipio do Barco de Valdeorras dunha ferramenta eficaz para a xestión sistemática da seguridade cidadá, que repercuta nunha mellora da mesma, e que garanta o exercicio dos dereitos e liberdades dos cidadáns do concello.

Asemade valorábase de xeito favorable o Protocolo de coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade e a Policía Local na protección de vítimas de Violencia de Xénero que se asinou e marzo de 2014. Ademais O Barco incorporouse ás reunións de coordinación policial para implementar as novidades existentes en materia de VIOGEN (Sistema informático de seguimento e protección das vítimas).

Este Protocolo establece as pautas de actuación da Garda Civil como Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e a Policía Local deste Municipio, en materia de Protección das vítimas de Violencia de Xénero que residan neste municipio; así como a incorporación da citada Policía Local ao Sistema de Seguimento Integral de casos de Violencia de Xénero, e valorar a evolución do risco.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button