OurenseÚltima hora

Técnicos do Centro de Investigación de Lourizán estudan as opcións de rexeneración do solo tras os lumes en Valdeorras, Vilariño e o sur de Lugo

Os conselleiros do Medio Rural e de Promoción do Emprego e Igualdade reuníronse cos alcaldes dos concellos afectados polo lume iniciado en Vilariño de Conso

Imaxe do incendio forestal de Valdeorras./ Foto: A.R.

 

Esta tarde o conselleiro do Medio Rural, José González, mantiña unha reunión cos alcaldes dos concellos de Vilariño de Conso, Chandrexa de Queixa e Laza, afectados polo lume iniciado na parroquia de Pradoalbar que roldou as 7.000 hectáreas e que entrou no Parque Natural do Invernadeiro.

O conselleiro lembrou que foi un deses incendios que se orixinou entre o 14 e o 15 de xullo durante un fenómeno meteorolóxico propio do Mediterráneo denominado sistema convectivo de mesoescala, por mor do cal se rexistraron máis de 6.000 raios en cuestión de catro horas. Tras días de intenso traballo para a súa extinción, boa parte deles refrescando a zona xa sen lapas para evitar reproducións, agora os esforzos centraranse na recuperación do solo e do potencial forestal da zona. Un traballo que xa arrancou estes días por parte de técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán no Courel e en Valdeorras, onde se están a avaliar as distintas posibilidades de rexeneración da vexetación, e que tamén se fará nesta contorna.

Nesa liña, José González aludiu á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que recolle figuras como as aldeas modelo -das que xa hai 19 aprobadas- e os polígonos agroforestais -10 xa iniciados e cinco en fase de actuacións previas- para a posta en valor do terreo e a anticipacións aos incendios forestais. En total, máis de 5.000 hectáreas de terreo están sendo mobilizadas no primeiro ano de vixencia da norma – beneficiando case 7.000 propietarios dunhas 28.000 parcelas-, entre as que se atopan as máis de 30 hectáreas da aldea modelo do Seixo, na Gudiña, na comarca de Viana.

Pola mañá, en Oímbra

Á mañá, os conselleiros do Medio Rural e de Promoción do Emprego e Igualdade, así como o director xeral de Defensa do Monte, mantiveron un encontro cos alcaldes dos concellos de Oímbra, Verín, Vilardevós e Monterrei, para analizar os danos causados polos lumes forestais que o pasado mes de xullo entraron desde Portugal polas parroquias de Rabal, Videferre e San Cibrao, do primeiro dos municipios.

Tras a extinción destes tres lumes -que afectaron un total de 3.389 hectáreas- os esforzos centraranse agora na recuperación do solo e do potencial produtivo da zona.

Artigos relacionados

Back to top button