ConcellosÚltima hora

“Terras que Saben”, lema co que o Xeodestino Manzaneda Trevinca Valdeorras se presenta en Fitur

 

O Camiño de Inverno, o patrimonio, o enoturismo, montaña, natureza, parques naturais e bosques únicos, deportes activos, as estrelas… Os múltiples e singulares recursos do Xeodestino Manzaneda Trevinca Valdeorras presentábase ás 10:30h. deste xoves na Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid.

O acto abríase coa intervención do presidente do Inorde, Rosendo Fernández, quen facía fincapé nos valiosos referentes naturais dos concellos que integran este xeodestino, situado na parte oriental da provincia e que agrupa aos municipios da Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, Carballeda de Valdeorras e A Veiga. Citaba entornos como o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá) ou O Teixadal de Casaio (Carballeda de Valdeorras).

Tamén destacaba a posibilidade de practicar actividades de turismo activo na única estación de montaña de Galicia, situada en Manzaneda, “cunha oferta para todo o ano, ademais de deportes de inverno, con outras propostas como o cicloturismo”. Tamén facía referencia ao aspecto diferenciador que ofrece neste xeodestino o astroturismo, co Centro Astronómico Trevinca.

 

 

Deseguido, a xerente do Inorde, Emma González, presentaba o novo “ claim” e identidade gráfica para o xeodestino: “Terras que Saben”. “Queremos fusionar nesas palabras territorios únicos que se unen”, xogando ademais cos termos “sabor e saber”. Logo proxectábase un novo vídeo no que se sintetizan os principais recursos patrimoniais, naturais e enogastronómicos que relacionou Rosendo Fernández no seu discurso, destacando a oportunidade de chegar desde Madrid ata este Xeodestino en 2 horas e 45 minutos se se emprega a estación de Alta Velocidade da Gudiña.

Tamén interviña no acto o alcalde da Veiga, Juan Anta, destacando os recursos turísticos do seu municipio e, finalmente, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asegurando que este xeodestino é “un territorio onde a natureza soubo crear paisaxes inesquecibles”, facendo un percorrido polos seus atractivos: dende a montaña e a natureza, pasando pola viticultura (con dúas denominacións de orixe: Valdeorras e Ribeira Sacra), co patrimonio da romanización, os seus mosteiros e santuarios… E indicando a gran oportunidade que se abre a partir de agora coa chegada da alta velocidade ferroviaria.

Deste xeito, hoxe en Fitur, comezou a andaina de “Terras que Saben” co que o xeodestino pretende xerar notoriedade dun territorio singular, “que está moito máis preto de Madrid do que evoca o noso propio imaxinario”, lembrou o presidente do Inorde, quen convidou aos asistentes para visitar este xeodestino con referentes como o Entroido de Manzaneda de cara ao vindeiro mes de febreiro.

Artigos relacionados

Back to top button