ConcellosEn portadaGalerías de fotosRibas de SilÚltima horaVídeos

Torbeo (Ribas de Sil) estrea o primeiro Centro de Interpretación do Sil, que reinvindica a relevancia deste río

Este centro, que se inauguraba esta mañá, forma parte da Rede de Museo do Xeoparque Montañas do Courel

 

Visitar o Centro de Interpretación do Río Sil (CIRS) é percorrer as singulares e valores deste curso fluvial. Tanto dende o punto de vista físico, xeolóxico e paisaxístico, como tamén dende o natural (coa súa flora e fauna), cultural e antropolóxico, a través de elementos humanos ligados á cultura fluvial como os muíño, ferrerías ou as barcas.

 

 

Este museo situado en Torbeo (Ribas de Sil) inaugurábase no mediodía deste sábado nun acto incluído dentro do programa da XIX Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil. “Hoxe culminamos un traballo que levamos moito tempo intentando sacar adiante na parroquia de Torbeo. Xa hai moitos anos que arranxamos esta escola e intentamos algunha cousa nela e non puido ser. Agora si, temos un proxecto importante. É unha primeira fase porque non imos ocupar toda a escola con este centro, pero temos ideas para seguir facendo cousas en Torbeo”, destacaba na apertura do acto o alcalde en funcións de Ribas de Sil, Miguel Sotuela, que daba á benvida aos primeiros visitantes deste museo.

 

 

Deseguido, o concelleiro de Turismo de Ribas de Sil, Roberto Castro, destacaba que este é un museo único, xa que “nos 234 km que ten o río Sil non hai ningún centro de interpretación do mesmo. E ademais todo visitante que veña aquí vaise quedar cunha dúbida, que é que río continúa a partir dos Peares, o río Sil é máis longo ata a desembocadura, ten máis auga, nace a unha cota máis alta que o Miño… Imos facer que quede con esa reflexión”.

Ademais Castro describía os contidos do centro, matizando ademais que o proxecto sigue vive e que vai continuar medrando. “O investimento que se fixo era pequeno pero deunos para facer unhas maquetas de tres tramos do río Sil, para falar un pouco da flora e da fauna, cunha serie de paneis, e tamén para ter o orgullo de presentar unha sandbox, que é unha caixa de area que, dende o punto de vista pedagóxico, vai ser moi importante. A área móvese e permite ver como se forman montañas, podes facer que chova… e todo isto axuda a entender perfectamente o concepto da erosión e da formación do relevo. E é moi importante para que cando veñan escolares por aquí, porque estou seguro de que van vir escolares a facer visitas a todos os centros, poidan entender o que é a xeoloxía, algo complexo de comprender porque ocorre ao longo de millóns de anos”.

 

 

Porén este non é un museo illado, “senón que forma parte da Rede de Centros do Xeoparque Montañas do Courel. Este é un proxecto que estamos desenvolvendo entre os tres concellos da comarca de Quiroga: Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel. Realmente estamos coordinados dunha forma envexable por outros territorios, aquí os localismos estanse deixando un pouco de lado e os tres municipios, de diferente cor política, fomos quen de coordinarnos e organizar un traballo en conxunto para defender, non un concello en concreto, senón todo un territorio: Montañas do Courel, que ten esa denominación de Xeoparque Mundial da Unesco, que non é pouca cousa, ten a categoría de Patrimonio Mundial da Humanidade”.

 

 

Na súa intervención tamén amosaba o seu agradecemento aos que apoiaron para que este proxecto fora adiante e mencionaba de xeito especial a cinco persoas: ao coordinador do Xeoparque Montañas do Courel, Martín Alemparte; ao director do Museo Etnográfico de Quiroga, Ramón Vila; ao director de contidos do CIRS, Agusto Pérez Alberti; ao arqueólogo Luis Francisco López, pregoeiro desta edición da Festa da Cereixa; e a Daniel Ballesteros, coordinador do comité científico do Xeoparque (formado por 25 persoas de moi diversas universidades e campos).

 

 

Era precisamente Ballesteros quen pechaba as intervencións, resaltando a relevancia deste centro para o conxunto do Xeoparque. “Cando se pensa no Xeoparque Montañas do Courel, na xeoloxía, seguramente todo o mundo pensa en Campodola, xa declarada Global Geosite, que é unha figura que recoñece a importancia internacional. Pero outros dos elementos que faltaba por destacar neste Xeoparque era o río Sil. Realmente o Sil é o principal axente modelador e o principal axente responsables da xeoloxía, da paisaxe, da xeografía do sur do Xeoparque, e sen o río Sil realmente non poderíamos entender as montañas do Courel”.

 

 

E referíase ao acerto de situar ao CIRS en Torbeo. “A ubicación deste centro non podía ser mellor. Está situado onde todas as augas responsables dos ríos, das fervenzas, das pozas e de todos os rasgos xeolóxicos, paisaxísticos ou humanos (como os muíños ou as ferrerías) do Xeoparque nos conectan. Toda a relación coa auga das montañas do Courel está vinculada coa auga que sae e que é recollida polo Sil, un río que, antes de abandonar o noso territorio, dalle o seu último adeus á parroquia de Torbeo”.

O acto inaugural continuaba cunha visita guiada polo propio Daniel Ballesteros, acompañado de Alberto Monteagudo, responsable da empresa De Puertas Afuera (que fixo esta musealización do CIRS) polas instalacións do museo, que mañá tamén estará aberto ao público.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button