En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Un estudo revela “a tradición e singularidade” do Entroido da Veiga

Os resultados desta investigación, promovida polo Concello da Veiga en colaboración coa Universidade de Vigo, dábanse a coñecer na tarde do 23 de febreiro nun acto que comezaba co toque do folión

Os Charrelos, o Boi, o Zamarrón, o Touro, o Fargalleiro, A Morte… Ademais do folión, en tempos, numerosos personaxes enmascarados saían durante os días do Entroido polas diferentes aldeas da Veiga. Máis dunha vintena deles veñen de documentarse no traballo “Exploración Etno-histórica do Entroido de A Veiga”, promovido polo Concello da Veiga e realizado a través da Universidade Vigo.

Os seus resultados presentábanse na tarde do 23 de febreiro nesta localidade nun acto, celebrado no Toural, e que se iniciaba coa saída do folión da Veiga, acompañado polos Charrelos e tamén por unha figura recén recuperada: a Morte. De seguido, dábase paso á presentación propiamente dita coa intervención do alcalde da Veiga, Juan Anta, quen destacaba o obxectivo deste estudo: “recuperar a nosa cultura, a nosa tradición e as nosas raíces, dende o respecto e a veracidade”. Ademais, engadía, o traballo supón “unha contribución para a posta en valor do Entroido da Veiga” a partir do coñecemento “dos seus elementos diferenciados e daquilo que fai del unha expresión dos costumes e tradicións propios das terras da alta montaña galega”. O rexedor anunciaba que “este é o primeiro paso para a recuperación integral da totalidade do noso Entrudio, dos nosos costumes”.

O alcalde da Veiga, Juan Anta./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Neste acto Juan Anta estaba acompañado por dous dos autores do estudo: Fátima Braña Rey, profesora da área de Antropoloxía Social e Cultural da Universidade de Vigo, e polo vianés Carlos X. Ares Pérez, escritor e investigador social. No traballo, realizado entre outubro e decembro do pasado ano, tamén participaban Lois Pardo, xestor cultural e estudoso do Entroido, e o historiador Víctor Rodríguez.

A metodoloxía

Fátima Braña, que centraba a súa explicación na metolodoxía aplicada no estudo, dedicaba as súas primeiras palabras aos veciños do municipio que aportaron os seus testemuños, base fundamental do traballo. “Moitas grazas pola vosa dispoñibilidade, foi un traballo moi bonito de facer polo entusiasmo das persoas coas que falamos do que era e significaba o Entroido”. En conxunto na investigación realizáronse 25 entrevistas a persoas (con idades de entre 30 e 94 anos) de 19 localidades diferentes. “Foi realmente enriquecedor, hai unha riqueza espectacular en manifestacións, vocabulario, en músicas, coplas…”. Braña comentaba o calendario da festa, dende o Xoves de Compadres ao Martes de Entrudio, e falaba demanifestacións como os lardeiros e a corrida do galo, as comidas, as “consortas”…

 

Fátima Braña, investigadora e profesora da Universidade de Vigo./ Foto: Carlos G. Hervella.

Os personaxes

Pola súa banda, Carlos Ares poñía o foco nos personaxes, pero antes da súa exposición proxectaba un video (duns 20 minutos de duración) no que se ían intercalando extractos das entrevistas aos veciños con explicacións, música e fotos, algunhas delas antigas, sobre o Entroido veigués. Tamén se agradecía o apoio dos informantes, “que nos acolleron nas súas casas”, citando despois cada un dos nomes segundo os aldeas.

E do amplo abano de figuras documentadas no informe, este investigador social centrábase en catro. Un deles era o Charrelo, “un dos personaxes máis singulares”, recuperado no 2014, pero “xa con diferente estática e dinámica”. Tamén mencionaba o Boi, que considera “o personaxe máis senlleiro e o máis importante do Entroido da Veiga” pola diversa tipoloxía desta máscara nun só municipio en contraste coas existentes na provincia de Ourense. Ademais falaba dos Mecos e, dentro deles, sitúaba a dúas figuras que nalgúns lugares aparecen como bonecos e noutros como máscaras: a Morte e o Home. Finalmente, aludía a outros peculiares personaxes: os Príncipes e Princesas que “creo que deberían ser recuperados”, que percorrían a aldea nuns casos sobre un carro e noutros en burro, e que recitaban versos ou cantaban.

 

O investigador social vianés Carlos X. Ares./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Un folión tradicional

O folión é tamén unha manifestación propia do Entroido da Veiga, segundo este traballo. Na súa presentacion tomaba a palabra a presidenta da Asociación O Son de Trevinca, Manuela González Vega, que se referiu ao labor realizado dende este folión de cara a recuperar o Entroido do municipio, “saimos á rúa a levar o nome da Veiga por todas partes”. E ademais facíalle unha petición aos membros deste folión: “levade con orgullo as máscaras, o folión e, sobre todo o nome da Veiga”. Precisamente co seu toque concluía esta actividade incluída xa no programa do Entroido veigués.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button