CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Un simposio analizará a presenza romana en Valdeorras, do 13 ao 15 de outubro en Xagoaza (O Barco)

O mosaico da Cigarrosa, a minería aurífera, a Via Nova ou a epigrafía romana serán algúns dos temas que se abordarán neste foro, promovido pola USC e o Grupo Arqueolóxico Larouco

Tramo da Via Nova romana ao seu paso polo Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“A presenza romana na comarca de Valdeorras e aledaños dende o século I da era ata a invasión árabe” será o eixo temático do “IV Simposio histórico arqueolóxico”, que se celebrará en Xagoaza (O Barco) na fin de semana do 13 ao 15 de outubro. A iniciativa está promovida pola Universidade de Santiago de Compostela e polo Grupo Arqueolóxico Larouco e vén de dar continuidade a outros tres simposios anteriores, coordinados tamén polo profesor Antonio Rodríguez Colmenero.

O programa destas xornadas, que achegará a comarca os resultados das últimas investigacións sobre o mundo romano na zona a través de relatorios e tamén visitas guiadas, abrirase o venres 13 de outubro da man de Víctor Alonso Troncoso, catedrático de Historia Antiga da Universidade da Coruña, que falará sobre “O cruce dos ríos na Gallaecia romana e posterior: mitoloxía e ritual”. Deseguido intervirá o arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer Sierra, arqueólogo e director das escavacións de Aquis Querquennis (Baños de Bande), cun relatorio sobre a “Minería romana aurífera no interior da comarca de Valdeorras”.

 

Os arqueólogos Antonio Rodríguez e Santiago Ferrer, no último simposio histórico-arqueolóxico celebrado en Xagoaza,no 2007./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ademais o arqueólogo Martiño Vázquez, de Xeitura Coop. Gal., exporá os resultados da súa investigación sobre un enterramento infantil en ola no xacemento do Castrillón (Larouco) na ponencia “O Castrillón: depósito funerario inédito na Idade do Ferro no NW Ibérico”; mentres que os investigadores Jorge Sánchez-Lafuente, profesor titular de Historia Antiga da Universidade de León, e e Roberto Matías Rodríguez, enxeñeiro de Minas; analizarán a “epigrafía romana nas minas de ouro do noroeste ibérico, á vez que o achádego dunha singular inscrición no monte Teleno”. Xa pola tarde, ás 15:30h. realizarase unha visita guiada á venciña montaña do Teleno.

O programa do sábado 14 de outubro abrirase ás 9:30h. cunha intervención a cargo do arqueólogo Roberto Bartolomé Abraira centrada en “Lucus Augusti en canto centro produtor e posuidor, ao longo da antigüidade, de cerámica varia no NW penínsular hispánico”.

A continuación, Roberto Matías, enxeñeiro de Minas, falaba sobre “minería aurífera romana do NW ibérico: novidades recentes e revisión de conceptos” e o valdeorrés Enrique González Fernández, arqueólogo municipal do Concello de Lugo, dará a coñecer as novas aportacións ao estudo dos mosaicos da Cigarrosa.

 

Restos do mosaico da Cigarrosa e imaxes do mosaico completo, expostas na mostra “In Terra Gigurrorum”, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O programa de conferencias do sábado completábase co catedrático de Historia Antiga xubilado, Antonio Rodríguez Colmenero, que na súa exposición comentará os problemas “ata hai pouco tempo latentes, sobre a rede viaria romana entre Bracara (Braga) e Asturica (Astorga) a partir da mansión de Foro especialmente”.

Pola tarde, farase visitas ás adegas de Xagoaza e o seu xacemente prerromano, así como ás Médulas e arredores para comprender “a súa vertente áurea”. O domingo 15 de outubro farase tamén unha viaxe ata Asturica Augusta.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse no correo electrónico antonio.rodriguez.colmenero@usc.es

 

Artigos relacionados

Back to top button