Permite esterilizar unha prenda de vestir que se proba nunha tenda con garantías, coa máxima rapidez e eliminando toda a carga vírica. O armario de raios ultravioleta de desinfección téxtil é unha novidosa solución que a empresa valdeorresa Hestia vén de poñer no mercado pensando nos comercios de roupa, pero tamén noutro tipo de ámbitos como o das residencias de maiores.
“Trátase dunha cabina que leva lámpadas ultravioleta e permite desinfectar a prenda que introducimos nela por incidencia directa dos raios ultravioleta. Ademais está dotado dun sistema de seguridade para que eses raios non saian do que é o habitáculo, impedindo así que danen a quen o estea manipulando”, explica Luis Enrique Núñez, xerente da empresa Hestia, con sede no Barco.
Este armario conta cun panel de control dixital que marca o tempo de funcionamento e uns sensores de apertura e peche, “co cal só funciona cun ciclo predeterminado. E cando o abrimos ou pechamos, apágase automaticamente, non hai ningún risco, e resulta moi fácil de usar”, continúa o responsable da empresa.

Este aparato leva unha estrutura de aceiro inoxidable satinado, que permite unha fácil limpeza e hixienización, con paneis reflectantes no interior e 4 lámpadas. Ademais está deseñado para que a desinfección se faga prenda por prenda, con 30 segundos por cada lado da mesma: anverso e reverso.
“É importante que as prendas se metan de unha en unha, para que non se solapen e a luz toque en todas as partes. E esta esterilización faise ao momento. Cando alguén sae do probador tras poñer unha camiseta, desinféctase ao momento, mentres que doutra maneira tería que estar 48 horas en corentena, co cal unha tenda que teña moita rotación quedaríase sen stock para poder amosar”, indica Luis Enrique Núñez.
Nun principio este armario preséntase en dous modelos: un dun ciclo de desinfección de 30 segundos e outro de entre 45-50 segundos. O primeiro deles vén de instalarse nun establecemendo de roupa barquense: Miranda X. “Esta é a primeira tenda que o ten en Galicia, digamos que é unha tenda piloto para probalo”, matiza o responsable de Hestia.

Chemineas de bioetanol
Hestia é unha xove empresa valdeorresa que iniciaba a súa andaina apostando polas chemineas de bioetanol como biocombustible, nun proxecto para o que contan co respaldo do Igape. “Está considerado unha enerxía renovable, xa que se extrae da fermentación de azucres de plantas”, explican dende a firma.
En pleno lanzamento das chemineas xurdiu a crise do Covid-19 e, entón, decidiron reconvertir a súa actividade creando dous tipos de aparatos de desinfección: o xa mencioanado armario UV, así como un xerador de ozono, “que tamén é dos máis potentes que hai no mercado, incluso ten un tratamento ultravioleta para purificar o aire que entra, para que saia totalmente ozoneizado logrando unha desinfección total”, indica Luis Enrique Núñez.
Fotos: A.R.
Para máis información e consultas:
hestiabio.es
One Comment