En portadaÚltima hora

Unha trintena de escolares ourensáns, premiados polos seus traballos nos IV Premios “Estatuto de Autonomía de Galicia”

Baixo o lema “a nosa lingua”, presentáronse ao concurso 330 traballos de estudantes de Infantil, Primaria, Secundaria e Educación Especial, nas modalidades de debuxo e redacción
Os premiados posan canda a Manuel Baltar e Miguel Santalices.

A Deputación de Ourense entregou hoxe, 6 de abril, os IV Premios “Estatuto de Autonomía para Galicia”, que conmemoran nesta edición o trixésimo sexto aniversario da norma institucional básica galega. Baixo o lema “A nosa lingua” (artigo 5 do Estatuto), presentáronse ao concurso 360 traballos de estudantes de centros educativos da provincia dos niveis de Infantil, Primaria, Secundaria e Educación Especial, nas modalidades de debuxo e relación escolar. O acto, celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e a secretaria da Delegación da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, ademais de representantes políticos, sociais e institucionais de ámbito provincial, autonómico e estatal.

En canto aos premiados, na categoría de Educación Especial, o galardoado foi Juan Fernández Vázquez. O premio para Educación Infantil recaeu sobre Aldara Freire, Vera Losada e Silvie Mendy. Por outra banda, Xosé Álvarez Prieto, Noa Pérez, Daniel Rios, Cendale Rodríguez, Jumena Souto, María Villar e Lucía Zamora foron os premiados de Edición Primaria. Finalmente, os galardoados na categoría de ESO, Bacharelato e Ciclo Medio de FP foron: Silvia Araújo, Ana Blanco, Mirian Caíña, Alicia Conde, Carlos Cuesta Temes, Gema da Rocha Casas, Ramón Estévez Lochmüller, Benito Estévez Trigás, Sara Feijóo , Carlota María Fernández, Aarón García, Nicolás García, Paula Gómez, Brais González, Noa León, Cristina Perea, Adriana Rodríguez, Alex Roó, Iván Vázquez e Nicolás Vila.

En total foron 330 traballos, dos cales 274 corresponden á modalidade de Debuxo ou Traballo Artístico, de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato, Ciclo e Educación Especial, e 56 traballos na modalidade de redacción, de alumnos de ESO, Bacharelato e Ciclo. Na modalidade de debuxo seleccionáronse as 12 mellores obras, que recibiron un diploma e un lote de libros, e na modalidade de redacción, os 20 mellores traballos foron premiados cun diploma, un lote de libros e unha viaxe a Santiago de Compostela para visitar o Parlamento de Galicia.

“Esta é unha data para poñer en valor o Estatuto, que permitiu 36 anos de progreso e dotar a Galicia dun autogoberno do que estarían ledos os senlleiros representantes do pensamento político galeguista, dunha Galicia como a actual, con poder lexislativo, autonómico e xudicial, e esa é a cuestión máis importante: falar do noso Estatuto, hoxe, neste salón de actos, cheo de xente nova”, destacou Manuel Baltar no seu discurso. O presidente do goberno provincial anunciou que a Deputación vai editar unha publicación cos traballos gañadores “para que sempre os teñamos presentes, porque todos os anos son bos”

Pola súa banda, o presidente do Parlamento de Galicia, afirmou que actos como este “referendan o noso Estatuto e os nosos valores”, e valorou “moi positivamente” que un dos premios sexa que os estudantes visiten o Parlamento, “porque esa é a nosa intención, abrir aínda máis esta institución á sociedade para que a súa labor sexa coñecida por toda a cidadanía”, expresou Miguel Santalices.

O acto contou coa música do coro do Colexio Padre Feijóo-Zorelle de Ourense, que interpretou ao comezo o Himno da Provincia de Ourense, “Ourense no solpor” e, ao remate, o Himno de Galicia.

 

Lucía Zamora, Noa Pérez e Marta Villar, do CEIP Castrelo de Miño, foron premiadas.

Artigos relacionados

Back to top button