SanidadeÚltima hora

Uns 128.744 ourensáns poderán participar no cribado de detección precoz da hepatite C

Vai destinado a persoas de 40 a 69 anos o sistema é moi sinxelo aproveitando a realización dunha analítica indicada por calquera outro motivo

 

Ata 128.744 ourensáns poderán participar desde este mes, e ao longo dos próximos dous anos, ao Cribado de Hepatite C que vén de poñer en marcha a Consellería de Sanidade, no marco da estratexia galega de eliminación deste problema de saúde pública, que constitúe unha pandemia silenciosa, pola súa prevalencia e facilidade para pasar desapercibida ata estadios avanzados, evolucionando cara unha hepatite crónica, cirrose hepática ou cancro de fígado.

O sistema de detección é moi sinxelo, propoñéndolle a participación ás persoas de entre 40 e 69 anos, que se vaian a facer unha analítica por calquera motivo, sempre a petición do seu centro de saúde ou hospital. Para isto, só terán que aceptar tras ser informados das características da Hepatite C, as vantaxes da súa detección precoz e os riscos de evolución de non recibir tratamento, na actualidade altamente eficiente para a súa cura.

A participación será por quendas, nos tramos de idade onde hai unha maior prevalencia da enfermidade. Así, entre este ano e o que ven, ofertarase aos nados entre 1964 e 1973. Na nosa Área Sanitaria un total de 21.579 ourensáns e 22.352 ourensanas, que cumpren 50 e 59 anos e constitúen o 14,84% da poboación da provincia, o grupo máis numeroso. En 2024, será a quenda dos de 1954 a 1963, 42.576 persoas de 69 a 60 anos; e en 2025 dos máis novos, os nados entre 1974 e 1983, os 40 e os 49 anos, 42.576 na provincia.

Segundo reflicten os estudos científicos, estímase que case o 30% das persoas que teñen a infección activa de Hepatite C o descoñecen, e na maior parte dos casos pertencen ao grupo de idade de entre 40 e 69 anos.

Rápido inicio de tratamento en caso positivo

Para o desenvolvemento deste cribado “oportunista” (aproveitando unha extracción sanguínea prescrita por calquera motivo) empregarase unha metodoloxía innovadora, con orixe no aplicado durante a pandemia COVID, na que tamén se dotou aos laboratorios galegos dos medios máis modernos e rápidos para determinar a carga viral. Así, a mostra de sangue enviarase ao Servizo de Microbioloxía, que a analizará por medio de pooling, sistema que permite agrupar ata 100 mostras para detectar a presenza dun virus, ademais, nalgúns casos, realizarase directamente unha PCR individual.

Os casos positivos derivaranse na maior brevidade posible para a súa atención, coa previsión de establecer o inicio do tratamento nun prazo máximo de 21 días. Os tratamentos actuais, por medio de antivirais de acción directa, logran a curación en máis do 95% das persoas tratadas.

Diagnóstico precoz, curación precoz
A principal vía de adquisición da infección é por vía sanguínea, seguida da vía sexual. Non existe unha vacina eficaz contra o virus da hepatite C, polo que a detección precoz da enfermidade é clave tanto a nivel individual como colectivo, velaí a importancia de realizar un labor de prevención para reducir o risco de exposición ao virus. Con esta medida cóbrense os dous obxectivos: evitar a progresión da enfermidade e a súa transmisión.

A “Estratexia de eliminación da hepatite C como problema de saúde pública en Galicia”, ten por obxectivo a redución da morbilidade e mortalidade, asociadas a esta enfermidade, e a súa eliminación entre a poboación galega, a través da prevención da infección, a súa detección, a vixilancia epidemiolóxica, o tratamento e a formación e investigación.

Con esta estratexia, Galicia márcase o obxectivo último de dar por eliminada en 2026 a hepatite C como problema de saúde pública, adiantándose así a Organización Mundial da Saúde, que marca para este fin o ano 2030 -na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible- e aos propostos pola Alianza para a Eliminación das Hepatites Víricas en España.

Artigos relacionados

Back to top button