EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

“Valdeorras conta con máis de mil covas espalladas pola comarca e forman parte do patrimonio etnográfico e vitivinícola da zona”

A arquitecta técnica ruesa Carina Rodríguez foi unha das participantes na segunda xornada do I Foro do Camiño de Inverno

 

As covas, que se atopan espalladas polos municipios vitivinícolas de Valdeorras, son un dos elementos diferenciadores da comarca e nelas poñía o foco a segunda xornada de traballo do I Foro do Camiño de Inverno por Valdeorras celebrado este sábado 15 de outubro na Rúa.

“Valdeorras conta con máis de 1.000 covas espalladas por toda a comarca. Trátase de adegas subterráneas concibidas para a conservación do viño que, na actualidade, conforman parte do patrimonio etnográfico e vitivinícola da zona constituíndo, ademais, un exemplo de sostibilidade e de eficiencia enerxética”. Así o destacaba a arquitecta técnica ruesa Carina Rodríguez, no marco da súa intervención.

A sesión de traballo realizada no segundo andar do Centro Cultural Avenida contou cun panel de expertos que centraron os seus relatorios en resaltar o potencial turístico da comarca ligándoo ao Camiño de Inverno, así coma aos seus viños, tradición e Historia.

 

Carina Rodríguez durante a súa intervención.

 

Carina Rodríguez, que realizou o seu traballo de fin de carreira sobre as covas de Valdeorras, cualificou de “vasto patrimonio” o conxunto etnográfico que compoñen estas construcións na comarca. Ao seu xuizo, queda por diante “un camiño moi interesante por percorrer para dar a coñecer e promover este activo arquitectónico, único en Galicia”. Neste sentido, considera que deseñar unha proposta turística que teña en conta viño e arquitectura sería bo para “atraer turismo de calidade cara a comarca”.

A estudosa das covas sinalou que o valor diferencial das covas de Valdeorras respecto das existentes noutros territorios de España que albergan construcións similares radica en que existe diferente tipoloxía segundo se asenten nun chan de arxila, nun chan granítico ou nun chan de lousa. É dicir, “as covas difiren en función da xeoloxía do terreo”.

 

Mesa redonda.

 

Ademais de Carina neste seminario participaba tamén o editor da publicación dixital ‘Viños e Camiños’, Antón Alonso quen puxo de manifesto que “o Camiño de Inverno é xa un activo turístico” para a comarca. “Pero serao moito máis se o unimos á Ruta do Viño, á paisaxe da contorna, ao patrimonio natural arquitectónico e singular da zona (como, por exemplo, o conformado polas covas), así como á Historia e tamén ao eido da lousa”. Ao seu xuízo, o “importante é crear unha marca forte que identifique Valdeorras co fío condutor do viño e do Camiño”.

Na súa intervención, Alonso tamén deu a coñecer aos asistentes a finalidade de ‘Viños e Camiños”. Trátase, segundo dixo, dunha publicación de turismo nun amplo sentido que fai referencia a diferentes eidos relacionados con este ámbito. Diríxese a un público global e difunde as súas novas en castelán e, ás veces tamén, en galego e portugués. “O proxecto arrincou en 2017 cun excelente equipo de colaboradores que nos permitiu posicionarnos moi ben”, sinalou.

Ademais de Rodríguez e Alonso, participaba na xornada de hoxe o catedrático Rubén Camilo Lois, que abordou O camiño como experiencia turística transversal.

 

Cata na Cova da Xabreira en Seadur (Larouco).

 

Como broche á sesión matinal celebrábase unha mesa redonda especificamente centrada nas covas de Valdeorras na que falaron expertos como o arqueólogo Santiago Ferrer, o xerente da Cova da Xabreira de Seadur (Larouco), Simón Val, a xestora turística Laura Mondelo que o fixo por videoconferencia, ou o membro da xunta directiva de Hispania Nostra, Juan Ayres.

Pola tarde, os asistentes ao foro desfrutaron dun paseo histórico polo Camiño de Inverno ao seu paso polo concello da Rúa, así como unha visita ás covas de Seadur e unha cata de viños na Cova da Xabreira guiada pola enóloga Cecilia Fernández.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button