Entrevistas

“Ver “El Desconocido” é como estar nunha montaña rusa”

Dani de la Torre, natural de Monforte de Lemos, estrea a súa ópera prima o vindeiro 25 de setembro
O director de cine Dani de la Torre, durante a rodaxe de "El Desconocido".
O director de cine Dani de la Torre, durante a rodaxe de “El Desconocido”.

Todo comeza cunha chamada telefónica. Mentres Carlos, un executivo de banca, conduce para levar aos seus fillos ao colexio, soa o móbil. A partir de entón, o que ía ser unha mañá máis, convértese nun auténtico pesadelo para os tres ocupantes do coche. El desconocido é unha trepidante viaxe chea de sorpresas e desenlaces inesperados coa que Dani de la Torre (Monforte de Lemos, 1975) pretende atrapar ao público “sen darlle respiro” ao longo de hora e media.

Este thriller é ademais a súa primeira longametraxe, tras ter dirixido publicidade, videoclips, curtametraxes como Minas (2003), Lobos (2004), Buenos días (2005) e Xnada (2008) e a miniserie Mar Libre (2010), con galardóns como o gran premio do xurado no Houston International Films Festival (2011). Agora salta á gran pantalla cunha película protagonizada por Luis Tosar e producida por Vaca Films e Atresmedia Cine. A súa acollida non pode ser mellor. Ten sido seleccionada para abrir o 2 de setembro a sección Venice Days-Giornate degli Autori do Festival Internacional de Venecia e para participar no Festival Internacional de Cine de San Sebastián. “Estou moi ilusionado, pero tamén cun pouco de medo, isto impón”, confesa o director.

El desconocido estrearase a nivel nacional o 25 de setembro con 300 copias da man de Warner Bros. Pictures Intl España. O día anterior farase unha preestrea na Coruña, cidade na que se desenvolvía a rodaxe. Ademais a película xa viaxou a Nova York a un pase para compradores do mercado americano “e gustou moito, de feito estase negociando a súa estrea nos EEUU”. Tamén haberá estreas en Portugal, Inglaterra ou Francia en outubro e novembro.

¿Como se xesta El desconocido?
A idea xurde despois de facer Mar Libre. Estaba preparando varios proxectos e contactei con Vaca Films para propoñerlle traballar xuntos. Eles amosáronse interesados despois de ver que a miniserie funcionaba tan ben e presenteilles varias propostas, pero ningunha lles gustou, así que seguín traballando para buscar un punto de unión. E así atopei o xérmolo de El desconocido. Expúxenlles a idea, gustoulles moito e entón contrataron ao guionista Alberto Marini e comezamos a traballar todos xuntos. Paralelamente tamén lle presentei o proxecto a Luis Tosar porque quería que fose o protagonista. A parte de que el ten unha relación moi especial con Vaca Films, sabía que era difícil que se negase se a historia lle gustaba. Ao final encantoulle e entre todos empurramos para que o proxecto saira adiante, algo que se conseguía despois de case catro anos de pelexa. Cando tivemos o primeiro guión tamén se incorporou Atresmedia Cine e despois Warner Bros.

¿Por que un thriller?
A verdade é que a min gústame moito o cine de acción e o thriller e tiña ganas de contar unha historia dese estilo, frenética, agobiante… Esa era a miña premisa de partida. E logo Vaca Films é unha produtora especializada neste xénero. Eu cría dende o principio que encaixaría moi ben a miña maneira de facer cine coa súa. Coincidimos en gustos e traballamos moi ben xuntos, a verdade é que foi moi chulo todo o proceso.

Tiña claro que Tosar ía ser o protagonista, pero ¿como se escolleu ao resto de actores?

Xa tendo o guión, o seguinte paso era escoller a un elenco equilibrado. O máis difícil foi atopar aos nenos, aos fillos de Carlos (Luis Tosar) e iso foi un acerto das directoras de casting Eva Leira e Yolanda Serrano. Elas insistían en, máis que crear unha especie de dream team de nomes famosos, lograr un equilibrio. Fixemos varios castings dentro de varios personaxes e neles sobresaíron especialmente Elvira Mínguez e Fernando Cayo. Foi un luxazo traballar con todos os actores, tamén cos nenos Paula del Río e Marco Sanz, para os que era a súa primeira película e penso que van dar moito que falar, sobre todo a nena. Hai tamén actores galegos tan grandes como os de fóra e cos que xa tiña traballado nas miñas curtas como Ricardo de Barreiros, Xosé Barato, María Mera, Camila Bossa ou Antonio Mourelos.

Cartaz do filme "El Desconocido", que protagoniza Luis Tosar.
Cartaz do filme “El Desconocido”, que protagoniza Luis Tosar.

¿Rodouse integramente na Coruña?
Si e integramente en exteriores durante seis semanas e dous días, malia que inicialmente estimamos oito semanas, pero a tendencia é reducir xornadas de gravación e custes, a parte de que Tosar é un actor moi cotizado e no 2014 fixo catro películas, entón tiña que adecuar datas para traballar en todas. Para min foi moi duro facela nese tempo porque supuxo moito traballo acumulado, xornadas maratonianas dende as seis da mañá ata as oito da tarde sen parar… pero resultou un traballo marabilloso porque estiven acompañado dun grandísimo equipo, tanto técnico como artístico, e así é moito máis fácil.

¿Que ten de diferente este filme?
Dende o minuto un ata o final non che dá respiro. Está contado por unha familia dentro dun coche que vai pola cidade. Debe conseguir uns cartos nun tempo récord e métese en todo tipo de leas. E para que a película fose atractiva utilizamos medios técnicos de Hollywood, tecnoloxías dixitais moi complicadas e fixemos cousas que os propios técnicos, como o director de fotografía ou o artístico que levan mil anos nisto, nunca fixeran. Experimentamos xuntos e isto supuxo un reto para todos. Penso que vai ser moi atractiva visualmente para o público e logo a historia vaino atrapar, van pasar 95 minutos como se estivesen nunha montaña rusa porque cando parece que a trama se resolve, sucede algo e a historia volve arrancar, así continuamente para lograr que non te podas desenganchar nin un segundo.

¿Estás satisfeito co resultado?
Cando alguén fai a súa primeira película acostuma ser moito máis contida. Esta comezou sendo unha idea moi pequena pero foi medrando cada vez máis e collendo entidade e iso é fascinante, ver que todo o mundo loita para que sexa mellor… Estou encantado porque tiña unhas pretensións altas, pero fixemos algo moito mellor do que soñaba e teño moitas ganas de que se estree e teña a súa vida propia e para ver a reacción do público.

Texto: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button