ConcellosÚltima hora

Visita institucional a Asfaval, no Barco

A directiva da asociación pedíu á secretaria xeral de Política Social prazas públicas para a residencia
A directora xeral de Política Social co alcalde do Barco, o delegado da Xunta en Ourense e a directiva de Asfaval.
A directora xeral de Política Social co alcalde do Barco, o delegado da Xunta en Ourense e a directiva de Asfaval.

Conseguir que a xente que o necesita dispoña dun espazo e duns servizos de calidade, en función das necesidades, é un labor no que Asfaval (Asociación de Familias de Diminuídos Psíquicos de Valdeorras) leva dúas décadas traballando, cun centro ocupacional, outro de día e agora tamén unha residencia. Esta última resulta especialmente difícil de manter, sobre todo co único aporte económico das familias dos cinco usuarios cos que conta actualmente. Por iso, a presidenta do colectivo Amelia Blanco, aproveitaba a visita da secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro ao centro, para tentar conseguir a concesión dun contrato de prazas públicas porque “o esforzo das familias é tremendo pero non dan máis” di Amelia.

A visita institucional tiña lugar na mañá do 10 de abril e a propia secretaria xeral, acompañada polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e polo alcalde do Barco, Alfredo García, explicaba que leva dende o mes de xaneiro percorrendo os centros da comunidade que teñen prazas públicas como é o caso de Asfaval. “Aquí hai 15 prazas de atención ocupacional para mozos con discapacidade intelectual e 3 de centro de día” dixo, engadindo que “trátase de ir vendo, coñecendo os espazos, falando cos traballadores, cos directores dos centros e ver cales son as necesidades que teñen, se están contentos e sobre todo ver aos usuarios, para comprobar se realmente o diñeiro público que se inviste produce satisfacción e benestar”.

Os usuarios do centro ocupacional de Asfaval durante a visita.
Os usuarios do centro ocupacional de Asfaval durante a visita.

Con respecto á demanda de prazas públicas para o servizo de residencia, Coro Piñeiro asegura que “todo se irá vendo, hai que avanzar ao ritmo que o tempo nos permite” engadindo que a Asfaval concedéronselle tres prazas para o centro de día “porque os rapaces do centro ocupacional fanse maiores e van necesitando outro tipo de atención” puntualiza, de feito, un dos 15 usuarios do centro ocupacional pasou recentemente ao de día “porque os técnicos valoraron que estaría mellor aí” explica Amelia.

Outro momento da visita ao centro ocupacional.
Outro momento da visita ao centro ocupacional.

A presidenta de Asfaval e toda a directiva, están agradecidos por esas tres prazas, lembrando que “tamén estamos creando postos de traballo que é importante na zona, ademais a xente vén facer aquí as prácticas sociosanitarias polo que vemos que Asfaval pode ser unha asociación importante de cara ao futuro. Estamos creando un servizo moi importante porque as persoas con esta discapacidade necesítano e non hai outro en toda esta zona que poda dalo”.

Trala visita a Asfaval no Barco de Valdeorras, a secretaria xeral de Política Social achegábase ata Quiroga para ver, acompañada polo alcalde Julio Álvarez, a residencia de maiores xestionada pola Xunta.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button