OurenseÚltima hora

A mostra “Afonso X e Galicia” chegará a Ourense a finais de abril

A exposición abría a portas esta tarde na Igrexa da Universidade en Santiago

Acto inaugural da exposición sobre Afonso X, en Santiago.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participaba na tarde deste martes 12 de xaneiro na inauguración da exposición “Afonso X e Galicia”, en Santiago, un proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta coa colaboración da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e que conmemora o 800º aniversario do nacemento de Afonso X. A mostra, que abre hoxe as súas portas na Igrexa da Universidade en Santiago, convida a coñecer a enorme influencia da figura de Afonso X cunha peregrinaxe a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval.

No acto inaugural, Baltar salientou que Afonso X e os seus colaboradores “elevaron a lingua galega, na lírica profana e relixiosa da Idade Media, á maior categoría. Por iso foi polo que, en 1980, lle correspondeu ser homenaxeado co Día das Letras Galegas”, e destacou: “A miña beizón para todas as persoas que traballaron para facer realidade esta mostra, e o meu desexo de que sirva para descubrir, 800 anos despois do nacemento dun rei sabio que non puido chegar a ser emperador, as súas pegadas ourensás”.

 

Manuel Baltar, no acto inaugural da exposición sobre Afonso X, en Santiago.

 

Xunto a Manuel Baltar participaron no acto de inauguración a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; e o reitor da USC, Antonio López.

Alberto Núñez Feijoo puxo o acento na conexión do monarca con Galicia, “que se manifesta no literario coas Cantigas de Santa María, que situaron o galego como lingua de prestixio cultural e protagonista dun dos fenómenos artísticos máis valiosos e representativos da cultura medieval, que logrou inspirar aos nosos creadores do século XIX e XX” lembrou.

O músico, musicólogo e medievalista Antoni Rossell é o comisario desta mostra que estará aberta ata o 24 de abril, e que posteriormente será exhibida no centro cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense.

 

Artigos relacionados

Back to top button