Entrevistas

“Vense moitos casos de maltrato”

O médico forense valdeorrés Julio Jiménez Feliz, ao fronte da Subdirección do Imelga en Ourense
Julio JIménez, no seu despacho no Imelga./Foto: Carlos G. Hervella
Julio JIménez, no seu despacho no Imelga./Foto: Carlos G. Hervella

No ano 2000 o barquense Julio Jiménez Feliz entrou como forense na capital da provincia. Seis anos despois creábase en Galicia o Imelga e Jiménez Feliz situábase ao fronte da súa Subdirección en Ourense. Nela traballa un equipo de 14 persoas: sete médicos forenses, dous psicólogos, un traballor social, dous auxiliares administrativos e dous auxiliares de autopsias.

Para este valdeorrés o futuro da profesión debe pasar “por unha mellora na formación diaria. É necesario que a formación sexa regrada, obrigatoria e gratuíta. Deberíamos ter cursos, técnicas en habilidades, en protocolos, simulacros…”. Se un forense se forma, engade, “vai ser en beneficio dos cidadáns, é unha inversión”.

¿Que ten suposto para os forenses galegos a creación do Imelga?

Moito. De entrada poder organizar e distribuír o traballo, que haxa forenses que se podan especializar ou realizar determinadas funcións máis específicas. Hai algúns que ao mellor se centran máis no campo da psiquiatría, no da clínica ou no da patoloxía. E hai certos casos especiais, difíciles ou que poden ter determinada repercusión, aos que se poden adicar unha ou dúas persoas ou que comentamos en sesións clínicas. Antes o forense estaba no seu partido xudicial e apenas mantiña contacto cos compañeiros, tiña pouco acceso á innovación, á formación e á comunicación, e todo isto tentamos que desapareza co Imelga. Ademais permitíu algo que é moi importante: poder obter datos estatísticos do noso traballo. Recentemente fumos distinguidos polo Consello Xeneral do Poder Xudicial (CGPJ) co Premio Calidade da Xustiza 2013 polo proceso de informatización implementado no Imelga.

¿Como é a estrutura do Imelga?

Ten representación a nivel de toda Galicia. Hai un director en Santiago (que leva engadida a subdirección na capital) e un subdirector nas sete grandes cidades galegas: Ourense, Lugo, Ferrol, Coruña, Santiago, Vigo e Pontevedra. Cada subdirección organiza o traballo en función das características da zona. No caso de Ourense, cando empezou a funcionar o Imelga fíxose de forma que houbese persoas adicadas só a psiquiatría, outras só a patoloxía e outras só a clínica. ¿Que pasou? Vimos que polas características da provincia iso era imposible porque a metade dos forenses pasabamos o tempo no coche indo a Viana, dalí a Trives e logo ao Carballiño, por exemplo. Estabamos circulando por todo Ourense, que non é como Vigo, entón houbo que reestruturar a provincia e asignar cada zona a un forense, un pouco como estaba antes, para que manexe as situacións que se producen nese lugar.

Texto: Ángeles Rodríguez/ Ourense Foto: Carlos G. Hervella

(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button