EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Bota andar o 9º Ourense Vinis Terrae, con 69 adegas das 5 DDOO galegas

Haberá un Túnel do Viño e Licores con máis de 190 referencias e un completo programa de catas comentadas e talleres orientados á dixitalización e comercialización a través de redes sociais

 

“Detrás de cada bar ou restaurante que pechou durante este ano de pandemia, houbo unha ou varias adegas que sufriron ese peche. As perdas do canle HORECA durante 2020 superaron o 50%. Ourense Vinis Terrae é unha feira necesaria no momento máis oportuno para as adegas galegas”. Eran as palabras do presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Juan Manuel Casares, durante o acto inaugural da 9ª edición do Salón do Viño e Licores de Calidade que abriu hoxe as súas portas en Expourense co claro obxectivo de atopar novas canles de comercialización e novos importadores para o viño e os destilados de Galicia.

Esta novena edición de Ourense Vinis Terrae, cita 100% profesional, galega e de calidade, conta coa participación de 69 adegas adscritas ás cinco Denominacións de Orixe presentes, sendo 4 delas da provincia de Ourense (Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra, Valdeorras). A estas únense a D.O. Rías Baixas, o Consello Regulador de Licores e Augardentes de Galicia e as IXP de Viños de Galicia como Val do Miño, Barbanza e Iria e Ribeiras do Morrazo. Ata mañá ás 18.00 h. cada unha destas 69 adegas manterá citas de negocio (de forma presencial ou virtual) con potenciais compradores ou importadores de 25 países, sendo a maior parte deles a primeira vez que participan neste salón.

“Realizouse unha selección moi exhaustiva dos hosted buyers e dos mercados dos que proceden traballando, sobre todo, con Europa. A idea é posicionar a esta cita como unha ferramenta de exportación ao servizo das adegas e que cada vez resulte máis sinxelo atopar viño e licores galegos de calidade no mercado internacional”, explicou o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez durante a inauguración oficial do salón, acto no que tamén participou o presidente do INORDE e vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o director xeral da Axencia de Calidade Agroalimentaria (AGACAL) adscrita á Consellería do Medio Rural, José Luis Cabarcos. Ambos destacaron o papel do viño como un dos mellores embaixadores internacionais de Galicia e referíronse á viticultura como “un sector de futuro con gran capacidade para xerar valor engadido”.

E é que a viticultura é un sector, segundo datos achegados polo director de AGACAL durante o acto inaugural, que ocupa en Galicia máis de 8.000 hectáreas (plantadas e coidadas) nas que traballan máis de 10.000 viticultores en 500 adegas que facturan ao ano máis de 220 millóns de euros.

Durante estes dous días, as 69 adegas expositoras manterán centos de citas de negocios con importadores procedentes de 25 países (Albania, Alemaña, Bélxica, Canadá, China, Colombia, Dinamarca, España, Estados Unidos, Finlandia, Guinea Ecuatorial, Hungría, Irlanda, Italia, Xapón, Noruega, Países Baixos, Perú, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Rusia, Suecia e Suíza). O salón conta cun alto índice de fidelidade, xa que o 75% das adegas repiten participación nesta cita e o 25% farano por primeira vez.

 

 

 

Galicia exhibe o seu patrimonio varietal #ante o mercado estranxeiro e desde Expourense organizáronse unha serie de actividades para que os visitantes teñan o maior coñecemento posible desas variedades autóctonas. Este programa de actividades está orientado a promover a calidade dos viños e licores e as variedades de uva autóctonas de Galicia.

Catas comentadas

O programa de actividades desta edición inclúe, como é habitual, as catas comentadas nas que se analizarán os viños, brancos e tintos, cos “ Acios de Ouro” e tamén os licores e augardentes premiadas co “ Pote de Ouro e Prata” nas Catas oficiais de Galicia 2020 que organiza a Axencia Galega de Calidade Alimentaria – Agacal. Estas catas poden seguirse en castelán ou inglés.

Precisamente Agacal celebrou fai tan só uns días as Catas oficiais de Galicia 2021 rexistrando 413 mostras de 170 adegas galegas que indican “que se trata dun sector interesado en mellorar cada ano e apostando sempre pola calidade”, indicou du director durante o acto inaugural.

O programa de actividades complétase coa celebración da II Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae na que participarán os viños das adegas expositoras no salón. Esta cata, á que se presentaron máis de 120 referencias, conta cun xurado profesional no que participarán representantes das asociacións enólogos, catadoras e catadores de distintas partes de España. Os premios serán entregados mañá martes durante o acto de clausura do evento.

Esta edición de Ourense Vinis Terrae volve contar cun Túnel do Viño e Licores e Augardentes, un escaparate que ofrece a visitantes e a expositores un espazo no que se expoñerán máis de 200 referencias de todas as Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia. O obxectivo é que os profesionais poidan coñecer os distintos viños presentes e, desta forma, os compradores teñen a posibilidade de coñecer un maior número de referencias, ademais das que xa coñecen a través da súa axenda de citas.

Ferramentas dixitais para as adegas

Esta edición imparte ademais varias actividades formativas dirixidas a dotar ás adegas galegas de ferramentas dixitais para optimizar a súa comercialización a través de canles en liña ou redes sociais. Dous destes talleres están organizados pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia – EVEGA. Un deles versará sobre as “TIC como ferramenta de xestión e márketing: INSTAGRAM” (LUNS 14) e o outro analizará as “Ferramentas e claves para a reinvención das empresas vitivinícolas. Adaptarse para sobrevivir”. Ambos son en formato presencial e con prazas limitadas. Hoxe celebrouse a primeira delas. A EVEGA, que tamén colabora nas catas comentadas organizadas por Agacal, presentará mañá o seu monográfico dedicado á “mencía”.

O programa desta edición incluíu o Curso celebrado esta tarde sobre “Dixitalización de experiencias en Adegas, Como a tecnoloxía pode axudar a incrementar as vendas?”.

Visitas ás denominacións de orixe

A participación nesta feira facilita aos visitantes profesionais convidados en calidade de “ hosted buyers” o coñecemento das zonas produtivas, mediante as visitas programadas aos territorios dos diferentes consellos reguladores que participan na feira directamente con caseta: Ribeiro, Monterrei e Ribeira Sacra. Esta tarde, ao peche da feira, está prevista a visita á Ribeira Sacra.

Artigos relacionados

Back to top button