EconomíaEconomíaÚltima hora

Apetamcor, premiada nos II Premios Matilde Ucelay polo seu labor en favor da igualdade entre homes e mulleres

O galardón foi recollido por Myriam Otero, fundadora e secretaria xeral da asociación con sede en Ourense

Myriam Otero, recollendo o galardón./ Cedida.

 

A Asociación Empresarial do Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), con sede en Ourense e que preside o valdeorrés Javier Alonso González, vén de recoller este martes o Premio Matilde Ucelay, na categoría de Entidade, polo seu traballo en favor da igualdade efectiva entre homes e mulleres no sector.

Myriam Otero López, fundadora e secretaria xeral da asociación, foi a encargada de recoller o galardón que outorga o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA). Ao acto, que se celebrou desde as 19,00 horas no Palacio de Zurbano (Madrid), tamén acudiron, en representación da organización profesional galega, Natalia Blanco Díaz, coordinadora xeral de Apetamcor, Manolo Otero Gómez, vicepresidente da Xunta Directiva de Apetamcor, e Digna María Novoa Rodríguez, como vogal da Xunta Directiva da asociación.

No seu discurso de agradecemento, a secretaria xeral de Apetamcor quixo destacar que “o máis importante hoxe é o recoñecemento deste acto ao papel da muller na sociedade moderna, á súa inclusión e ao fomento da igualdade para mostrar que, aínda que pasamos anos difíciles, seguimos avanzando”. Myriam Otero fixo fincapé no fundamental labor profesional que desenvolven as mulleres en Apetamcor e ás máis de tres décadas que a asociación estivo traballando en prol dos dereitos dos seus socios . “Máis do 90% dos traballadores de Apetamcor somos mulleres, loitadoras incansables, entusiastas, comprometidas con este sector que, como o seu propio nome evoca, é puro movemento. Levamos máis de 30 anos ao servizo dos nosos máis de 1.300 socios, transportistas profesionais aos que nos debemos, xa que son o primeiro elo da cadea produtiva que fai funcionar á sociedade tal e como a coñecemos”.

 

Representantes de Apetamcor en Madrid./ Cedida.

 

Entre as motivos que levaron ao xurado dos II Premios Matilde Ucelay a galardoar a Apetamcor, atópase o adaptar as medidas laborais a favor da eliminación de diferenzas, como a xornada intensiva ou o teletraballo a empregadas con fillos menores de 12 anos. Ademais, destacaron a colaboración da Asociación Empresarial do Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia con distintos programas de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero con actividades formativas, como o “Programa de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mullers VVX”.

Tras recoller o premio, Myriam Otero deixou unha mensaxe clara: “Apetamcor ten alma de muller, e o papel desta no transporte é cada vez máis destacado, e polo tanto a súa especial contribución no funcionamento económico e social”.

Artigos relacionados

Back to top button