DeportesÚltima hora

Mañá, Día do Pai, comeza a tempada de pesca fluvial 2017

Máis de 310.000 permisos para a práctica deste deporte en 30.000 quilómetros de ríos e unha ampla rede de encoros e 148 coutos
Pescador no río Sil ao seu paso polo Barco de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

A tempada de pesca fluvial, que comeza mañá 19 de marzo, ofrece máis de 310.000 permisos para a práctica deste deporte en 30.000 quilómetros de ríos e unha ampla rede de encoros e 148 coutos. Así o asegurou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a sinatura dos convenios de colaboración con 59 entidades de pesca fluvial, que teñen como principal obxectivo favorecer o relevo xeracional e incrementar o número de afeccionados entre os menores de 20 anos.

Segundo a conselleira, “para invitar aos mozos a participar no desenvolvemento desta actividade, a orde que regula a tempada de pesca do presente ano inclúe dez tramos libres de pesca sen morte cunha lonxitude de 30 quilómetros, polo que en total se ofrecen 328 quilómetros”. Engadiu que ademais, nos últimos anos tense aumentado a oferta de pesca sen morte, xa que se en 2012 había 199 quilómetros agora contabilízanse case 330.

Outro dos obxectivos dos convenios asinados é captar novos pescadores, promover e divulgar os valores naturais e da pesca fluvial e recreativa como actividade sustentable entre os mozos, coa celebración e divulgación de campionatos e eventos relacionados coa actividade piscícola. Nese sentido, Mato Otero convidou ás entidades (na comarca de Valdeorras hai dúas asociacións federadas: Mil Ríos e Sociedade de Pesca Fluvial Valdeorras) a realizar eventos e actuacións, dirixidas ao público máis novo e ao colectivo de discapacitados, como potenciar e difundir a protección da fauna ictícola e do medio natural, fomentar a pesca sen morte, como medida de conservación dos recursos ictícolas, co impulso do emprego das técnicas de pesca menos lesivas e máis sustentables, e realizar actuacións de divulgación e fomento dos valores deportivos e medio ambientais asociados á práctica da pesca deportiva, como cursos de sensibilización ambiental para o coidado e respecto á natureza.

Artigos relacionados

Back to top button